Entrega da Caixa Benvida aos 37 bebés nados en Poio nos últimos meses

29/01/2024

O Concello de Poio recibiu esta mañá no salón de plenos aos familiares e bebés nados nos últimos meses, aos que o alcalde Ángel Moldes entregou a Caixa Benvida, un pequeno agasallo con contos e outros produtos infantís para os coidados da primeira etapa. “Un pequeno símbolo para demostrarlles que cada un deles xa son importantes para o noso concello”, asegurou.

Ángel Moldes trasladou os mellores desexos de toda a corporación para Leo, Hugo, Karol, Samuel, Manuela, Liam, Lara, María, Ibraim, Ignacio, Adara, Darío, Logan Elías, Lucca Ezzequiel, Sofía Elisa, Leah, Lúa, Enzo, Sergio, Milena, Lucas, Xoana, Carmen, Mateo, Óliver, Martín, Martiño, Blanca, Denzel, Aray, Líam, Xoel, Óliver, Uxía, Thiago e Amira. “A obriga de todos é traballar para darlles as oportunidades que merecen”, engadiu. 

Ademais, recordou que Poio é un concello relativamente mozo, no que a metade da poboación ten menos de 45 anos, pero tamén é un concello que está crecendo, como o demostran os últimos datos do instituto nacional de estatística. “Somos moitas as persoas que eliximos Poio para crear o noso proxecto de vida, para establecernos, para formar a nosa familia. Por iso estamos empeñados e traballando para convertelo nun lugar cómodo para nacer, para crecer, para vivir… Queremos que sexa un concello con oportunidades, dinámico e con servizos de calidade”. 

O último acto de entrega das Caixas Benvida celebrouse en setembro, no que foron homenaxeados once bebés nados nos meses de verán. O Concello de Poio fai este recoñecemento a nenos e nenas empadroados no municipio. 

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio