A Seca acollerá a segunda edición dun festival gratuíto de música urbana e comercial que aspira a consolidarse como unha das grandes citas musicais do verán, tras reunir máis de 7.500 persoas o ano pasado.
Poio volverá converterse nun referente da música en directo coa celebración da segunda edición do festival “Senda do Mar”, que terá lugar este venres, 24 de xullo, no recinto da Seca (a partir das 21.30 horas). Tras o éxito da súa primeira edición, na que reuniu a máis de 7.500 asistentes, o festival, que conta coa colaboración do Concello de Poio, regresa coa intención de seguir medrando e consolidar o seu espazo dentro do circuíto galego de eventos musicais.
O gran reclamo desta edición será Alvama Ice, considerado un dos DJs de música comercial con maior proxección do panorama nacional e unha das figuras máis demandadas nos principais festivais e eventos multitudinarios. Os seus espectáculos destacan pola súa intensidade, unha combinación de pop electrónico, ritmos urbanos e sesións cargadas de enerxía, acompañadas dunha impactante produción audiovisual e dunha posta en escena moderna que converte cada actuación nunha experiencia inmersiva.
A cita será de entrada gratuíta e estará aberta a todos os públicos, nun formato pensado para favorecer o encontro arredor da música en directo e do lecer ao aire libre. A mocidade volverá ocupar un papel protagonista, aínda que o festival mantén unha clara vocación interxeracional, reunindo persoas de diferentes idades que comparten o interese pola música e polas propostas culturais de verán.
Ademais do seu atractivo musical, A Senda do Mar continúa apostando por dinamizar a vida cultural e social do municipio, xerando tamén un impacto positivo na economía local grazas á afluencia de visitantes e á actividade que se crea arredor do evento.
O cartel completarase coa participación dos DJs UNAIII, Dmiron, Elegnelo, Yng Almo e Michi, configurando unha programación pensada para ofrecer varias horas de música e espectáculo nun escenario privilexiado á beira do mar, con gran valor paisaxístico. O artista galego UNAIII é un dos referentes da escena urbana; Dmiron é habitual nos principais festivais; Elegnelo e Yng Almo representan a nova xeración de DJs galegos, mentres que Michi ofrecerá unha sesión centrada nos grandes éxitos dos anos 2000.
Con esta segunda edición, Senda do Mar reafirma a súa aposta por ofrecer unha proposta musical de calidade, gratuíta e aberta á cidadanía, consolidando o municipio como un dos puntos de encontro imprescindibles do verán.
Desde o Concello de Poio destacan que este festival forma parte da aposta municipal por ofrecer unha programación cultural e de lecer atractiva para a mocidade, ao tempo que contribúe a dinamizar a actividade social e económica do municipio durante a tempada estival. Neste sentido, sinalan que eventos deste tipo favorecen a chegada de visitantes, impulsan o consumo no comercio e na hostalaría local e reforzan a imaxe de Poio como un destino de referencia.