Por terceiro ano consecutivo, faise un recoñecemento a persoas ou entidades vencelladas ao mundo da cultura, que este ano recaen nas corais de Poio: Coro Virxe da Renda, Coro Virxe de Fátima e Coral de Poio. As persoas que queiran solicitar unha bandeira poden facelo no teléfono 986 770 001 ou no whatsapp 698 138 166.
O Concello de Poio conmemorará o Día de Galicia o vindeiro sábado, 25 de xullo, cun acto institucional que terá lugar en San Martiño (San Xoán). Durante a celebración, e por terceiro ano consecutivo, renderase homenaxe a persoas e entidades vencelladas á cultura do municipio.
Nesta ocasión, o recoñecemento será para as tres corais de Poio: o Coro Virxe da Renda, de Combarro; o Coro Virxe de Fátima, de Campelo; e a Coral de Poio, en agradecemento á súa implicación na conservación e difusión da música coral e á súa contribución ao enriquecemento da vida cultural e social do municipio.
“Poio conta cun tecido asociativo cultural moi importante e, por iso, desde o Goberno local consideramos que é de xustiza recoñecer o traballo que realizan en prol da tradición e da cultura galegas, así como toda a actividade que desenvolven e que enche de vida cada recuncho do noso municipio”, destaca o alcalde, Ángel Moldes.
Un ano máis, o Goberno local aposta por dar protagonismo ás zonas máis rurais do concello e traslada este acto institucional a San Martiño. “O ano pasado estivemos na Praza de Arís, xa o celebramos no Pereiro e en Liñares, e o vindeiro ano continuaremos esta itinerancia. Porque todos sumamos, todos xuntos facemos avanzar Poio”, engade.
A celebración comezará ás 12.00 horas e incluirá, ademais da homenaxe ás corais, o reparto de bandeiras de Galicia e un agasallo conmemorativo ás novas entidades inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións durante o último ano, así como as actuacións da agrupación Vides Novas e de Juan Mariño, director da Escola de Acordeóns de Campelo-Poio.
As entidades que recibirán este recoñecemento serán a Asociación de Mulleres Rurais Pedra Furada de Samieira, o Club de Fútbol Veteráns de Raxó e a Asociación Cultural, Gandeira e Deportiva Os Miradores.
Ademais, todas as persoas que desexen recibir unha bandeira de Galicia poderán solicitala previamente chamando ao teléfono 986 770 001 ou enviando unha mensaxe ao WhatsApp 698 138 166.