Rocío Cochón destaca a “absoluta transparencia e participación cidadá” dun proceso que buscou facer partícipe á veciñanza da elaboración dun documento que “mellorará de forma directa a seguridade xurídica, a xestión urbanística e a vida diaria da xente”.
O Concello de Poio vén de rematar a rolda de reunións informativas organizada en todas as parroquias para achegar á veciñanza o primeiro Inventario de Camiños do municipio e mellorar o documento coas achegas da cidadanía antes da súa aprobación definitiva.
Culmina así un proceso transparente e participativo durante o que se celebraron oito encontros itinerantes, en horario tanto de mañá como de tarde para facilitar a información e a participación veciñal. Mantivéronse reunións no Casal de Ferreirós, en San Salvador; na Casa do Concello e en Campelo, en San Xoán; na Escola do Campo de Combarro; na Escola de Tarrío, en Samieira e no Centro Social Xaime Illa de Raxó, nas que participaron preto de 150 veciños. Ademais, habilitouse un visor online ad hoc que rexistrou máis de 600 visitas e que, unha vez conformada a versión definitiva do inventario, se integrará no Visor Urbanístico municipal.
Nos encontros, persoal técnico e xurídico da empresa encargada da redacción do inventario, xunto a técnicos municipais, atenderon a preto de 150 veciños e veciñas, que puideron consultar directamente a cartografía, formular preguntas, comprobar a situación dos viais e recibir asesoramento para presentar as súas observacións.
Así, durante o proceso de exposición pública presentáronse achegas a aproximadamente 50 camiños, un 6% dos máis de 750 inventariados inicialmente. Máis da metade das achegas solicitan a inclusión de novos camiños, ao redor dun terzo son para excluír camiños inventariados e outras solicitan modificar o trazado ou as características dalgún vial. En total, recibíronse un total de ao redor de 80 achegas, incluídas as duplicadas ou reiteradas. Tamén se rexistraron algunhas alegacións fóra de prazo, que serán examinadas para mellorar o inventario.
Todas as alegacións serán estudadas individualmente con criterios técnicos para comprobar a súa documentación e determinar as incorporacións ou modificacións que procedan, antes de devolver o documento xa mellorado ao Pleno para a súa aprobación definitiva.
O documento aprobado inicialmente recolle 750 viais municipais, cunha lonxitude conxunta superior aos 200 quilómetros, e foi concibido desde o inicio como un documento aberto que debía ser perfeccionado co coñecemento e as achegas dos veciños.
A concelleira de Urbanismo, Rocío Cochón, destacou a “absoluta transparencia e participación cidadá” coa que se desenvolveu todo o procedemento. “Desde o primeiro momento quixemos facer partícipe á veciñanza dun proceso moi importante, porque identificar correctamente os camiños públicos municipais ten consecuencias directas na vida das persoas, nas súas propiedades e na posibilidade de desenvolver proxectos familiares, residenciais ou empresariais”, explicou.
“Demos as máximas facilidades para que calquera persoa puidese coñecer e revisar uns camiños que a lei obriga os concellos a ter identificados, pero que Poio nunca tivera inventariados”, sinalou Cochón. A responsable de Urbanismo lembrou que se estableceu un período de exposición pública de dous meses, máis amplo do habitual, e se puxeron todos os medios para achegar o inventario á cidadanía e darlle tempo suficiente para consultar a documentación e presentar as súas achegas: “Quixemos que o resultado sexa un inventario rigoroso, útil e de todos, que aporte seguridade á veciñanza e ás administracións e permita coñecer con claridade a situación de todos os camiños”, indicou Cochón.
A edil agradeceu a participación das persoas que asistiron ás reunións, consultaron o visor online, presentaron alegacións ou se interesaron polo proceso, destacando que grazas ás súas achegas mellorará o inventario e o coñecemento urbanístico de Poio. “Este proceso demostra que se pode facer un urbanismo responsable, accesible, transparente e ao servizo da xente, escoitando á veciñanza e facilitando que participe nas decisións que afectan directamente á súa vida”, concluíu.