Poio reforza a súa aposta pola formación e o emprego con catorce novas alumnas especializadas en limpeza hospitalaria

29/10/2026

O alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Promoción Económica, Maritxe González, entregaron os diplomas ás participantes, dúas das cales xa están traballando.

O Concello de Poio clausurou esta mañá a segunda edición do curso de limpeza hospitalaria e de edificios, unha iniciativa organizada en colaboración coa Fundación Acción contra el Hambre que permitiu a catorce mulleres adquirir, de xeito totalmente gratuíto, formación especializada nun sector con alta demanda de profesionais.

O alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Promoción Económica, Maritxe González, participaron na entrega dos diplomas que acreditan as 100 horas de formación completadas polas alumnas. Durante o acto, Moldes felicitou ás participantes polo seu esforzo e implicación e destacou a importancia de achegar á veciñanza oportunidades de formación que faciliten o acceso ao mercado laboral.

“É unha sorte e unha oportunidade incrible poder acceder a unha formación acreditada e recoñecida polas empresas, preto da casa e de xeito totalmente gratuíto”, sinalou o rexedor, quen puxo en valor a aposta do Concello por ofrecer cursos prácticos, adaptados ás necesidades do mercado laboral e especialmente dirixidos ás persoas en situación de desemprego.

A utilidade destas iniciativas reflíctese tamén nos resultados de inserción laboral. De feito, dúas das participantes nesta última edición xa están traballando, unha mostra das oportunidades que ofrece a formación especializada para acceder a novos postos de traballo.

UNHA FORMACIÓN CON RESULTADOS POSITIVOS DE INSERCIÓN LABORAL

Durante 2025, o Concello de Poio, en colaboración coa Fundación Acción contra el Hambre, formou a un total de 31 persoas: 16 no curso de dependente polivalente e 15 no de limpeza hospitalaria e de edificios. O 75% das alumnas traballan actualmente ou veñen desenvolvendo unha actividade laboral practicamente continuada nos sectores nos que se formaron.

Os resultados tamén son positivos neste 2026. Das trece persoas que completaron o curso de dependente polivalente, preto do 60% conseguiron incorporarse ao mercado laboral, ás que agora se suman as catorce alumnas que rematan a súa formación en limpeza hospitalaria e de edificios.

O Concello continuará ampliando esta oferta formativa nos próximos meses, con novas propostas orientadas a mellorar a empregabilidade da veciñanza. De feito, hoxe mesmo deu comezo un curso en liña de monitor de comedor e transporte escolar, no que participan quince persoas.

O SERVIZO DE INTERMEDIACIÓN LABORAL CONECTA EMPRESAS E PERSOAS QUE BUSCAN EMPREGO

Durante a entrega dos diplomas, Ángel Moldes animou ás participantes a seguir aproveitando os recursos que o Concello pon á súa disposición para facilitar a búsqueda de emprego, especialmente o Servizo de Intermediación Laboral e o perfil EmpregoenPoio nas redes sociais.

Ambas as ferramentas, postas en marcha en 2024, están “plenamente consolidadas” como unha vía de contacto entre as persoas que buscan traballo e as empresas que precisan incorporar persoal. A través deste servizo, o Concello recibe ofertas de empresas tanto de Poio como doutros puntos da provincia, que solicitan a súa colaboración para atopar candidatos e candidatas no municipio.

Neste sentido, o alcalde reiterou o compromiso do Goberno local de seguir impulsando iniciativas que permitan mellorar a cualificación profesional da veciñanza e achegar a formación ás necesidades reais das empresas, favorecendo así novas oportunidades de emprego.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio