O ORAL resolveu esta semana o procedemento e afirma que o Concello dispoñía da “autorización expresamente esixida”. A Tesourería municipal confirma, ademais, que tampouco se recibiu ningunha multa da DGT como asegurara a oposición polos eventos do Nadal que denunciaron os concelleiros socialistas e que contaban cos mesmos permisos.
Unha resolución oficial confirma que o Concello de Poio dispoñía da autorización necesaria para celebrar a Pasarela de Comparsas do Entroido 2026, tal e como mantivo o Goberno local desde o primeiro momento. O documento, recibido esta semana e emitido no marco dun procedemento tramitado pola ORAL da Deputación de Pontevedra, acredita a existencia da “autorización expresamente esixida” e contradí as acusacións da oposición sobre a falta de permisos para a celebración.
Ademais, a Tesourería municipal confirma que non consta ningunha sanción notificada ao Concello relacionada cos eventos organizados durante o Nadal, fronte ás afirmacións da oposición sobre unha suposta multa da Dirección Xeral de Tráfico (DGT) de aproximadamente 3.200 euros.
O alcalde, Ángel Moldes, deu conta desta documentación durante o pleno celebrado onte, ao considerar necesario trasladar á cidadanía o resultado do procedemento, “especialmente despois de que se cuestionase a seguridade e se difundisen afirmacións sobre irregularidades e sancións económicas que non existiron”.
Considera que esta resolución pon fin aos “bulos e denuncias falsas que pretenderon ensuciar o éxito do Entroido e o Nadal de Poio”, ao constatar que o Concello contaba coa autorización necesaria e confirmar que non procede ningunha sanción por estes feitos.
“O Goberno local deu explicacións no seu momento, mantivo a mesma versión desde o principio e agora a documentación oficial avala o que viña defendendo”, destacou durante a súa intervención. Neste sentido, considera que a oposición pode fiscalizar a acción do Goberno, como é a súa obriga, “pero debe facelo con rigor e responsabilidade, especialmente cando se cuestiona a seguridade de eventos que foron un éxito de participación coa asistencia de centos de persoas”.
UNHA AUTORIZACIÓN OFICIAL QUE AVALA A ACTUACIÓN MUNICIPAL
Concretamente o documento indica que “a organización presentou a documentación requirida para que se autorizase unha ordenación especial de tráfico e para pechar a vía o 27 de febreiro”. No expediente aportado, consta a resolución da Xefa Provincial de Tráfico de Pontevedra, con data de 10 de febreiro, “que aproba a ordenación especial de tráfico por motivos de seguridade e fluidez da circulación para a Pasarela de Comparsas o 27 de febreiro”.
Esta resolución confirma tamén o que o alcalde Ángel Moldes e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, xa explicaran publicamente durante a sesión plenaria de abril, na que deron conta dun informe xurídico que avalaba que o Concello de Poio tiña de todos os permisos e autorizacións das administracións competentes (DGT, Deputación e Concello de Poio como organizador) e que dispuxo dun plan de autoprotección que superaba amplamente as esixencias habituais para actividades ao aire libre.
A pesar destas explicacións, a oposición municipal cuestionou a actuación do Goberno local e chegou a afirmar publicamente que o Concello recibira unha sanción da DGT de aproximadamente 3.200 euros pola falta de tramitación das autorizacións necesarias durante os eventos do Nadal, que contaban cos mesmos permisos. Nesas declaracións, afirmaron tamén que esa sanción a tería que pagar a veciñanza de Poio “pola neglixencia dun alcalde que preferiu mentir que recoñecer que non fixera ben o seu traballo”.
Así, a documentación oficial contradí agora os feitos nos que se baseaban estas acusacións. Por unha banda esa resolución da ORAL acredita que existía autorización e, ademais, o servizo de tesourería confirma que non se recibiu ningunha sanción relacionada con ningún dos eventos organizados polo Concello de Poio:
“Dixémolo desde o primeiro momento e agora confírmao unha resolución oficial: o Concello de Poio tiña todas as autorizacións necesarias. Non houbo ningunha multa de 3.200 euros e a documentación demostra que as acusacións que se fixeron contra este Goberno non se correspondían coa realidade”, destacou.
DENUNCIAS VOLUNTARIAS DA OPOSICIÓN CONTRA O NADAL E O ENTROIDO
Durante a súa intervención no pleno, o alcalde tamén deu a coñecer que, ademais das celebracións do Entroido, os concelleiros socialistas presentaran denuncias ante a Policía Local o 24 de decembro, e o 4 e 6 de xaneiro relacionadas coa carreira San Silvestre, a carpa Poio Máxico e a cabalgata dos Reis Magos..
Moldes lembrou que, durante o pleno de abril, preguntou directamente aos concelleiros socialistas se presentaran algunha denuncia contra estes eventos e recibiu unha resposta negativa.
O rexedor considera especialmente grave que se cuestionase publicamente a organización de celebracións que contaron cunha elevada participación veciñal e para as que o Concello tramitou as autorizacións correspondentes.
Neste sentido, insiste en que o Goberno local actuou con responsabilidade e transparencia, ofrecendo explicacións desde o primeiro momento e achegando a documentación que avalaba a celebración dos eventos.
“O importante é que Poio celebrou un Entroido multitudinario e seguro. Traballamos para que os nosos veciños e veciñas poidan gozar destas actividades con todas as garantías e imos seguir facéndoo, por moito que algúns intenten converter cada celebración nunha polémica política”, concluíu Moldes.
OUTROS ASUNTOS DO PLENO
No inicio da sesión plenaria, os tres grupos da corporación leron unha declaración institucional manifestando o seu firme rexeitamento aos insultos, ás expresións denigrantes e a calquera forma de intimidación ou menosprezo contra as persoas no exercicio da súa actividade profesional, social ou institucional. No texto reflectiron a necesidade de esclarecer os feitos atribuídos ao patrón maior da confraría de Raxó, considerando necesaria unha desculpa expresa á persoa afectada e asunción de responsabilidades que procedan no caso de terse confirmado. Ademais, faise un chamamento ás entidades representantivas do sector do mar para garantir espazos de traballo e participación baseados no respecto, no diálogo e na igualdade, actuando fronte a calquera comportamento intimidatorio ou denigrante. O Concello de Poio reafirmou o seu compromiso coa igualdade entre mulleres e homes e coa defensa dunha convivencia libre de violencia e discrminación.
Precisamente, durante a sesión aprobouse a prórroga do IV Plan de Igualdade de oportunidades entre mulleres e homes do Concello de Poio, permitindo seguir dando resposta ás situacións de desigualdade que se detecten e alcanzar unha maior equidade de xénero no Concello.
No pleno amosouse a conformidade co proxecto do novo bombeo e depósito de retención de recheo, comprometéndose o Concello de Poio a recibir as obras e, como titular, asumir a súa posta en servizo, explotación, mantemento e conservación, así como poñer a disposición de Augas de Galicia os terreos necesarios para executar as obras.