Moldes presenta os orzamentos no Consello de Participación Veciñal: “poñen o foco na atención ás persoas”

19/11/2026

Explicou que as contas consolidan os avances dos últimos anos e preparan os servizos municipais para atender as necesidades dun concello que medra. Puxo en valor a “excepcionalidade” de aprobar os orzamentos en tempo e forma: “non é nada doado facelo, á vista está que somos poucos concellos os que conseguimos facelo, pero é fundamental para ofrecer estabilidade e asegurar normalidade”.

O alcalde, Ángel Moldes, presidiu esta semana o Consello de Participación Veciñal, no que deu conta dos orzamentos de Poio para o ano 2027, que se aprobarán de xeito inicial no mes de novembro, aos representantes das asociacións de veciños locais.

Moldes explicou que as contas, que se sitúan en 15,2 millóns de euros, consolidan os avances dos últimos anos e preparan os servizos municipais para atender as necesidades dun concello que medra. “É un orzamento social, que pon o foco na atención ás persoas, en todas aquelas infraestruturas, servizos e programadas que repercuten de xeito fundamental na mellora da súa calidade de vida”.

Tras facer un repaso por todas as partidas e os capítulos de ingresos e gastos, Moldes expuxo que a redución de impostos e taxas que aplicaron nos últimos anos permitiu ás familias de Poio aforrar preto de 400.000 euros anuais. Unha redución de ingresos para as arcas municipais que, asegurou, “non está reñida nin coa redución da débeda nin co reforzo dos servizos municipais ou coa execución de investimentos históricos en todo o municipio”.

Neste punto, destacou que o Goberno vén aplicando desde 2023 unha estratexia de rigor orzamentario e boa xestión económica, e puxo como exemplo que en 2023 a débeda cos bancos era de case 9M€ e a ratio de endebedamento situábase no 60,43%, mentres que a previsión é pechar 2026 cunha ratio do 40,66%, case 20 puntos porcentuais menos que ao inicio do mandato.

Durante a súa intervención, tamén puxo en valor a “excepcionalidade” de aprobar os orzamentos en tempo e forma: “non é nada doado facelo, á vista está que somos poucos concellos os que conseguimos facelo, pero é fundamental para ofrecer estabilidade e asegurar normalidade”.

Por último, o alcalde Ángel Moldes subliñou que para o Goberno é importante fomentar a participación da cidadanía nun documento prioritario, que vai marcar a acción e xestión para os próximos doce meses. “Somos un Goberno que escoita, que aposta polo diálogo, e por iso queremos coñecer as súas opinións e trasladarlle de primeira man cales son as partidas e investimentos de Poio para os próximos doce meses”.

Neste sentido, indicou que no documento tamén se recollen algunhas das propostas e suxestións que a veciñanza vén facendo a través do programa de participación “O alcalde máis preto de ti”, que unha vez ao mes se traslada por todas as parroquias de Poio para achegar a atención á veciñanza que ten maior dificultade para achegarse á Casa do Concello.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio