O alumnado de Poio implícase na prevención do vandalismo e no coidado dos espazos públicos

17/11/2026

O alumnado de sexto de Primaria dos colexios de Lourido e Espedregada participa no programa Sen vandalismo, impulsado pola Fundación Barrié e a Asociación para a Prevención e a Educación Social. O alcalde Ángel Moldes e axentes da Policía Local de Poio participaron hoxe nunhas sensións nas que puxeron exemplos prácticos dos casos máis habituais no municipio.

O alumnado de sexto de Primaria dos colexios de Lourido e Espedregada está a formarse en investigación social a través do programa Sen vandalismo, impulsado pola Fundación Barrié e a Asociación para a Prevención e a Educación Social. O proxecto desenvolverase ata o mes de marzo con varias sesións presenciais nas que se abordarán as causas e as consecuencias das condutas vandálicas, así como as formas de previlas. A iniciativa busca implicar aos centros educativos no coidado dos bens comúns e na mellora da convivencia.

Na xornada de hoxe participaron o alcalde, Ángel Moldes, as concelleiras de Educación, Natalia Sabarís, e de Seguridade Cidadá, Maritxe González, e axentes da Policía Local de Poio. Durante o encontro, o alcalde explicou que os danos no mobiliario urbano afectan directamente ás persoas que utilizan a diario os parques, as prazas e as rúas. “Cando se estraga un xogo infantil, se dana un banco ou se esnaquiza unha luminaria, o prexuízo máis inmediato sófreno as persoas que usan ese parque, esa praza ou esa rúa”, sinalou. Engadiu que as reparacións obrigan a destinar recursos municipais que poderían empregarse en mellorar eses espazos ou prestar outros moitos servizos.

Moldes indicou que os casos de vandalismo en Poio son puntuais e que os bancos, as papeleiras, as marquesiñas e os elementos de xogo dos parques están entre os máis afectados. “Poio destina 250.000 euros anuais para reparar parques infantís”, destacou. Entre os exemplos que compartiu co alumnado, citou o mal uso que se fai dos columpios, deixar sen recoller ou limpar os excrementos e a orina das mascotas, danar as árbores, pintar as marquesiñas ou muros, abandonar mobles e enseres nos espacios públicos, queimar contenedores… Para ilustrar o custo das reparacións, o alcalde explicou que substituír un contedor custa entre 1.200 e 1.300 euros e que reparar unha farola pode supoñer entre 1.500 e 1.700 euros, segundo o dano. Limpar o cristal dunha marquesiña pode custar 2.000 euros e substituír un banco, entre 300 e 400 euros. O asento dun columpio custa 280 euros e un columpio inclusivo pode chegar aos 1.000 euros. A modo de exemplo, a retirada de pintadas e os traballos de pintura no campo de fútbol da Seca custaron recentemente 1.500 euros.

Moldes advertiu de que o vandalismo ten un custo económico para toda a veciñanza e de que o uso inadecuado das instalacións tamén pode causar lesións. Lembrou o caso da tirolina do parque de Rosalía de Castro, na que unha persoa adulta e varios menores subiron ao mesmo tempo e superaron o peso permitido. Unha peza rompeu e a nena que utilizou a tirolina xusto despois sufriu lesións importantes.

Na mesma idea insistiron os axentes da Policía Local, que destacaron tamén a importancia de que a cidadanía colabore con eles denunciando, informando e alertando destes casos vandálicos. “Coidar da nosa contorna é beneficioso para todos”, engadiron.

Asi, lembraron que a colaboración da veciñanza permite actuar con maior rapidez. “Agora sodes vós, como investigadores e colaboradores, os que tedes que dar exemplo e axudarnos a manter o noso concello nas mellores condicións posibles porque a colaboración de toda a veciñanza permite actuar mellor e con maior rapidez”. Os danos no mobiliario ou noutros elementos dos espazos públicos poden comunicarse a través da aplicación Liña Verde, do apartado Avisos e incidencias da web municipal ou a través do número de whatsapp que a Policía Local facilitou a todos os novos colaboradores.

Tras estas sesións, a próxima cita será para deseñar a acción social que o grupo vai facer pola contorna, con saídas para analizar, avaliar e desenvolver a súa acción.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio