Os orzamentos para 2027 consolidan a redución da débeda, céntranse nas persoas e aforran 400.000 euros aos fogares

14/11/2026

O documento, que ascende a 15,2 millóns de euros, dá continuidade ao traballo desenvolvido polo Goberno local, consolida os avances destes anos e prepara os servizos municipais para atender as necesidades dun concello que medra. Ángel Moldes destaca que Poio xa ten asegurados para 2027 investimentos moi importantes doutras administracións e do novo contrato da auga, que se suman aos previstos nestas contas.

O Concello de Poio presenta un orzamento de 15,2 millóns de euros para 2027 que consolida a redución da débeda iniciada en 2023 e pon o foco na atención ás persoas. As rebaixas de impostos e taxas aplicadas nos últimos dous exercicios suporán en 2027 un aforro de 400.000 euros para os fogares de Poio.

O documento, que será debatido no pleno de novembro, dá continuidade ao traballo desenvolvido polo Goberno local durante este mandato, consolida os avances destes anos e prepara os servizos municipais para atender as necesidades dun concello que medra.

“A nosa prioridade son as persoas, conxelamos os impostos e as taxas municipais, reforzamos aquelas partidas que repercuten de xeito directo no benestar e na calidade de vida das persoas e avanzamos en actuacións históricas e prioritarias en todas as parroquias”, destaca o alcalde, Ángel Moldes.

Neste senso, indica que “estamos traballando con responsabilidade e eficiencia” e pon en valor que son un dos poucos concellos da provincia que van a aprobar o documento en tempo e forma, “un traballo que non sempre se recoñece pero que é fundamental para ofrecer estabilidade na xestión municipal, tomando decisións con antelación, sendo previsores e dando aos servizos municipais a certeza de contar cos recursos que necesitan para planificar os seu traballo”.

Con respecto á débeda, destaca que o Goberno vén aplicando desde 2023 unha estratexia de rigor orzamentario e boa xestión económica, e destaca que en 2023 a débeda cos bancos era de case 9M€ e a ratio de endebedamento situábase no 60,43%, mentres que a previsión é pechar 2026 cunha ratio do 40,66%, case 20 puntos porcentuais menos que ao inicio do mandato. “Unha redución que reflicte o noso compromiso para sanear as contas municipais sen renunciar á mellor calidade na prestación dos servizos públicos e executar investimentos históricos, o que demostra que había unha forma de gobernar máis eficiente e responsable”.

Moldes tamén destaca deste orzamento que, en comparación co documento de 2025, permite ás familias aforrar 400.000 euros ao ano, grazas ás reducións de impostos e taxas aplicadas nos últimos exercicios. Así, durante 2026 xa se aplicou a redución no recibo do IBI, e para o próximo ano conxélanse todos os impostos e taxas. Pola contra, aumentan os ingresos por impostos sobre construcións, instalacións e obras e por expedición de licencias urbanísticas nun 33%. Moldes vincula esta previsión á confianza que, ao seu xuízo, xeran a estabilidade e a boa xestión para atraer investimentos e favorecer a actividade económica e o emprego.

Unha das partidas máis importantes dos orzamentos será Benestar Social, unha partida que aumenta a preto de 2M€ e que xa prevén un aumento de 300.000 euros para afrontar a nova licitación do servizo de axuda no fogar. O orzamento tamén recolle o reforzo da asistencia social, que pasou dunha a tres traballadoras sociais durante este mandato, e destina recursos á atención temperá, ás axudas á conciliación, ao Centro de Información ás Mulleres, á educación familiar e á atención a situacións de emerxencia social. “Porque o avance de Poio non só se mide en obras, senón tamén en servizos de calidade e oportunidades para as persoas”, engade Moldes.

O total de gastos reflicte a capacidade de xestión, planificación e previsión do Goberno local, con capacidade para anticiparse ás necesidades futuras. Así, ademais desa reserva de 300.000 euros para o novo contrato do SAF, tamén se inclúe un importante incremento no capítulo de gastos de persoal, para ter capacidade de resposta no caso de materializarse a previsión marcada polo Goberno central para aumentar os salarios públicos un 4,5% durante o próximo exercicio.

Para Cultura, Festexos e Educación mantense un investimento de 1,12 millóns de euros, mantendo as cantidades que se outorgan para apoiar todo o tecido asociativo, inclúe partidas para toda a programación anual do Concello de Poio, para a biblioteca municipal, mantemento dos colexios, axudas para os comedores que, por primeira vez, este curso funcionan en todos os colexios de Poio, entre outros.

Para Medio Ambiente resérvanse 761.000 euros, mentres que para Obras e Servizos a partida é de 4,8M€, deportes, 465.000 euros e para seguridade cidadá, 1,08M€, unha cifra que tamén contempla o reforzo da Policía Local iniciado durante este ano.

O orzamento inclúe tamén o financiamento necesario para continuar durante todo o ano co transporte Poio en Ruta, que garante a mobilidade interior polas parroquias de Poio, e resérvanse 80.000 euros para a redactar o proxecto da futura piscina municipal, así como partidas para facer fronte ás anualidades que deber asumir o Concello de Poio de proxectos que están en marcha coa colaboración doutras administracións, como son os tanques de tormentas da Seca e de Recheo, o proxecto de abastecemento e depuración de aguas asinado con Acuaes, así como para as obras de mellora do Peirao do Covelo, rúas Río Sil, Río Umia e Río Oitavén, así como a reposición do firme e mellora do vial en Pedaporta. Tamén se inclúen 9.500 euros para adquirir un terreo en Combarro a un propietario ao que o Concello de Poio lle ocupou durante o pasado mandato, e sen autorización, un terreo privado durante unhas obras de humanización e adoquinado.

Á marxe dos 15,2 millóns do orzamento municipal, Moldes destaca que Poio conta xa con investimentos asegurados para 2027 doutras administracións e do novo contrato da auga. Entre as actuacións impulsadas en 2026 con financiamento doutras administracións que comezarán ou seguirán executándose en 2027 figuran o Centro de Maiores, o Polígono de Fragamoreira, a humanización da PO-303, a senda peonil na PO-308 entre Combarro e Samieira, o Peirao do Covelo e as casetas do Porto de Combarro.

O novo contrato da auga prevé, ademais, que a concesionaria invista 15,4 millóns de euros nos próximos catro anos en melloras das redes de saneamento e abastecemento de auga en todo o municipio.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio