O Concello avanza para cumprir este compromiso histórico coa veciñanza cun proxecto que dá prioridade ás persoas e pon en valor toda a contorna.
O Concello de Poio anuncia o inicio das obras de transformación do peirao do Covelo, en Samieira. Os traballos, adxudicados á empresa COVSA, mellorarán a accesibilidade e a seguridade peonil e reordenarán o tráfico ao longo do peirao.
O alcalde, Ángel Moldes, trasladouse ata O Covelo para coordinar os inicios dos traballos,que teñen un prazo de execución de seis meses. A actuación prevé reordenar o vial e eliminar barreiras arquitectónicas, cunha nova configuración que diferenciará a zona de circulación de vehículos da destinada ás persoas que se desprazan a pé e corrixirá as irregularidades do pavimento.
Os traballos inclúen tamén a mellora da rede de recollida de augas pluviais. As escorrentías desviaranse cara á zona de escollera e rochas existente para evitar que desemboquen nas praias do Covelo e de Area da Barca. A intervención completarase coa instalación dunha varanda na fronte marítima ata a ponte do Rego de Covelo e coa renovación da iluminación pública en toda a rúa.
A transformación do peirao facilitará a convivencia entre a actividade portuaria, os usos residenciais e hostaleiros e as visitas á zona, cun percorrido máis seguro e accesible para a veciñanza e para quen se achegue ao Covelo.
Co inicio das obras, o Goberno local dá resposta a unha demanda histórica da veciñanza de Samieira e continúa coa mellora dos espazos portuarios do municipio tras completar a transformación do acceso ao porto de Raxó. O proxecto, que en total conta cun orzamento de 450.000 euros, é froito da colaboración entre o Concello de Poio, Portos de Galicia e a Consellería do Mar para adaptar a intervención ás características e aos usos da contorna. Así, unha vez rematada a actuación que está executando o Concello de Poio, Portos de Galicia asumirá os traballos de pavimentación para crear unha plataforma única de formigón semipulido con acabado raiado.