Campelo prepárase para vivir dous días de auténtico terror cun Samaín cheo de actividades para toda a familia

27/10/2026

O Concello de Poio e a veciñanza ultiman os preparativos dunha celebración que terá lugar este venres 30 e sábado 31 de outubro, con festa infantil, Furna das Meigas, espectáculo de lume, Ruta do Medo, cinema e Truco ou Trato. A implicación dos veciños e veciñas, que volverán transformar as rúas de Campelo con decorados e representacións terroríficas, será un dos grandes atractivos desta cita.

Campelo prepárase para converterse, un ano máis, nun escenario de auténtico terror. O Concello de Poio e a veciñanza ultiman os preparativos do Samaín 2026, que se celebrará este venres 30 e sábado 31 de outubro cunha ampla programación de actividades para todas as idades. De feito, xa se comezan a descubrir algúns dos adornos que ambientarán as casas e as rúas durante dúas xornadas, para encher Campelo de misterio, sustos, espectáculos e diversión, nunha celebración que volverá ter como grandes protagonistas aos veciños e veciñas.

A programación arrancará este venres, 30 de outubro, ás 17.00 horas, cunha gran festa infantil na carpa instalada na Praza da Granxa, que contará coa animación musical de Dolce Vita e coa terrorífica Furna das Meigas.

A partir das 20.00 horas, será a quenda do espectáculo de malabares e lume de Nemeton Performances, que dará paso a un dos momentos máis especiais da celebración: a Ruta do Medo polas rúas de Campelo. Un percorrido no que a veciñanza volverá sorprender aos participantes con decorados, escenarios, creatividades e representacións terroríficas, froito do traballo e da ilusión que levan semanas dedicando á preparación desta cita.

Na Ruta do Medo participarán tamén integrantes das comparsas As Sonecas e 100Tolos, do Grupo de Samieira e as ximnastas do Club Saraiba, contribuíndo a crear unha experiencia chea de sorpresas e emocións. A primeira xornada rematará cun magosto popular organizado pola Asociación de Veciños de Campelo e coa animación musical dun DJ.

A festa continuará o sábado 31 de outubro, cunha programación especialmente pensada para o público familiar. Ás 17.00 horas, o Local Social acollerá o Cinema de Medo, unha sesión para gozar en familia que dará paso á Merendola Larpeira. A continuación, os máis pequenos poderán percorrer as rúas da localidade participando no tradicional Truco ou Trato, poñendo o broche final a dous días de celebración.

O Concello de Poio destaca a implicación dos veciños e veciñas de Campelo, así como dos colectivos locais que colaboran na organización e desenvolvemento das actividades, facendo posible que esta celebración manteña o seu carácter participativo e a súa esencia orixinal.

O alcalde, Ángel Moldes, anima a toda a veciñanza de Poio e da contorna a achegarse a Campelo durante estas dúas xornadas para gozar dunha programación que combina tradición, creatividade, espectáculo e diversión.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio