Inclúe tres liñas de subvencións: clubs e entidades deportivas, deportistas individuais e clubs de fútbol veteranos.
Un total de 22 clubs e deportistas locais recibirán este ano fondos do Concello de Poio, a través das subvencións que se outorgan, por concorrencia competitiva e de xeito transparente, obxectivo e equitativo, para apoiar e fomentar as actividades deportivas desenvoltas polos clubs e deportistas individuais beneficiarios, colaborando deste xeito co financiamento dos custos económicos da súa participación en competicións de carácter federado.
O programa inclúe tres liñas de subvencións, destinadas para clubs e entidades que figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións; deportistas federados empadroados en Poio cunha antigüidade mínima de un ano e que compitan en modalidades deportivas de carácter individual; e clubs de fútbol con equipos que disputen competicións nas categorías de veteranos.
O alcalde, Ángel Moldes, explica que “estas axudas son unha ferramenta fundamental para apoiar o tecido deportivo local e recoñecer o esforzo dos clubs e deportistas que levan o nome de Poio dentro e fóra de Galicia”. Así mesmo, subliñou que “desde o Concello seguiremos traballando para fortalecer o deporte de base e federado, porque entendemos que é un piar esencial para a saúde, a educación e a convivencia”.
Nesta liña, subliña que o Concello de Poio mantén unha aposta firme polo deporte, non só a través destas liñas de apoio económico para que os clubs poidan desenvolver a súa actividade nas mellores condicións, senón tamén impulsando o deporte en idade escolar, dotando o municipio de infraestruturas deportivas de calidade e promovendo a organización de eventos deportivos de primeiro nivel. “Unha estratexia que, ademais de fomentar hábitos de vida saudables e fortalecer o tecido asociativo, contribúe a dinamizar económica e socialmente o municipio, xerando actividade, atraendo visitantes e proxectando a imaxe de Poio como un referente deportivo”, engade.
A través da liña 1, repartíronse 28.500 euros entre o Poio Bike Club, Club Poio Fútbol Sala, Escola de Piragüismo Poio, Club Atlético Combarro, Balonmán Poio-Artai, Club Ciclismo Triatlón Poio, Club Saraiba ED Poio, Club Reserpón-Suinpo FS, Asociación Cultural, Deportiva e Medioambiental Armadiña e Club Deportivo Grupo 7 a 9.
Para a liña 2 destináronse 3.750 euros, e os deportistas individuais que reciben axuda son Lola Ferro Guiance, Lorena Nieto Pérez, Antonio Castiñeira Ucha, Óscar Viñas Pazos, Carla García Vicente, Sabela Martínez Peón, Carolina Santos Villalón, Emilio Cochón Alonso e Cristian Fernández Nieto.
Por último, na terceira liña, con 1.350 euros en total, resultaron beneficiarios Poio Bar Monterrei, Club Sporting Campelo e Alt. Peña Racing.
Estas axudas son compatibles con outras subvencións ou ingresos procedentes doutras entidades públicas ou privadas, e poden destinarse a sufragar gastos como licencias federativas, seguros deportivos de accidentes e responsabilidade civil, cotas de inscrición en competicións federadas, gastos de transporte, manutención e aloxamento para asistir a competicións, salarios de adestradores, e outros gastos propios da participación en competicións federadas que deben asumir os clubs, e todos eles correspondentes á tempada que abranga entre o 1 de agosto de 2025 e o 31 de xullo de 2026.
Ademais desta liña de axudas, o Concello de Poio tamén repartiu o pasado curso 73.000 euros entre doce clubs para colaborar co desenvolvemento das escolas deportivas municipais, que contaron con 730 alumnos inscritos.