Alba Cochón, Yago Espinosa, Sebastián Miranda, Serigne Sidy Faye e Izan Ligero gañan o concurso de tarxetas de Nadal de Poio

23/11/2026

Abertas as inscricións para participar nos obradoiros de Nadal para persoas adultas na Casa Rosada. A inauguración do Nadal en Poio será o domingo 6 de decembro na Praza do Mosteiro. O Concello de Poio xa comezou a preparar os decorados das sete Aldeas de Nadal situadas en todo o municipio, protagonistas das datas festivas.

O concurso de tarxetas de Nadal organizado polo Concello de Poio xa ten gañadores. Os cinco debuxos seleccionados son os de Izan Ligero Pazos, de 5 anos, na categoría A; Serigne Sidy Faye Ndiaye, de 8 anos, na categoría B; Sebastián Miranda Fernández, 11 anos, categoría C; Yago Espinosa Esperón, 12 anos, categoría D; e Alba Cochón Justo, 17 anos, na categoría E. De todas as propostas, a tarxeta que vai ser utilizada polo Concello de Poio para enviar a súa felicitación institucional de Nadal será a de Yago Espinosa Esperón.

Así o decidiu o Consello Municipal de Cultura, do que forman parte membros da corporación e representantes das asociacións SCD de Raxó, SCD de Samieira, AC Vides Novas, AVV Boureante e do Ateneo Corredoira, que se reuniron para valorar os case 300 deseños presentados polos escolares menores de 18 anos que residen ou están escolarizados en Poio.

O obxectivo deste concurso é converter a creatividade dos menores nunha parte activa da celebración das festas do Nadal. Trátase dunha iniciativa que vai más alá da elaboración dunha tarxeta, xa que ofrece a oportunidade de que a comunidade escolar exprese a súa particular visión destas datas tan especiais.

Os autores das cinco postais gañadoras recibirán un premio en metálico de 60 euros e un agasallo conmemorativo. A entrega dos premios farase o sábado 19 de decembro, na carpa Poio Máxico que estará instalada na Seca. A concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, agradece a implicación dos escolares, e destaca a calidade, orixinalidade e creatividade dos traballos que presentaron.

OBRADOIROS DE NADAL

Dentro desta programación de Nadal tamén se inclúen os obradoiros de manualidades e de decoración organizados para que as persoas adultas tamén manteñan a ilusión por estas datas. Desenvolveranse na Casa Rosada: o obradoiro de Arranxo Floral será o martes 15 de decembro, ás 18.00 horas; o taller de Botas de Nadal con Foam, será o xoves 17 ás 17.00 horas; e, por último, o obradoiro As estrelas máis fermosas con papel e cartón desenvolverase o venres 18, ás 17.00 horas.

O prazo para inscribirse está aberto desde hoxe, luns, no Pazo Besada ata completar as prazas dispoñibles. Todos son gratuítos e poden inscribirse aos tres en conxunto ou de xeito individual.

PREPARATIVOS PARA INAUGURAR O NADAL EN POIO

A inauguración do Nadal en Poio será o domingo 6 de decembro na Praza do Mosteiro, con música, animación e conta atrás para o acendido das luces, pero sobre todo, con moitas sorpresas para grandes e pequenos.

Será nese momento no que tamén se inauguren as sete Aldeas de Nadal, protagonistas da proposta festiva de Poio e que están situadas no Porto de Raxó; na praza Alfredo Romay Besada en Samieira; na Praza da Chousa, Combarro; na Praza de San Martiño; na Praza da Granxa, Campelo; no Adro da Igrexa de San Salvador e no parque Costa Xiráldez, Lourido. Ademais, a carpa Poio Máxico, onde se organizarán actuacións e actividades durante todo o Nadal, estará situada na Seca.

O Concello xa ten en marcha a montaxe e decoración das Aldeas de Nadal. Estes días empresas locais e traballadores municipais comezan os traballos para repetir o éxito dos últimos tres anos, no que Poio se converteu en lugar de encontro, lecer e diversión para as familias de dentro e fóra do municipio.

Asemade, desde o Goberno local tamén están mantendo reunións con representantes das ANPAS e das asociacións culturais para coordinar a súa participación nos distintos eventos da programación de Nadal co obxectivo de convertela nunha proposta ampla, participativa e de calidade: unha programación feita por todos e para todos que se presentará nos próximos días.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio