Poio pon en valor o marisqueo coa instalación de novos paneis informativos na Seca e Cabeceira

20/11/2026

Ángel Moldes: “Queremos que as persoas que visitan Poio se leven algo máis que unha experiencia gastronómica ou paisaxística, que descubran a súa cultura mariñeira e queiran volver”. Dá continuidade a outras iniciativas postas en marcha como a Declaración da Festa da Ameixa como Festa de interese turístico galego, as xornadas Ameixa no Camiño ou as xornadas gastronómicas da Ameixa.

O Concello de Poio continúa avanzando na difusión e posta en valor da cultura mariñeira coa instalación de novos paneis interpretativos en Cabeceira e A Seca e a elaboración de material divulgativo sobre a actividade marisqueira, un oficio tradicional estreitamente ligado á identidade, á historia e á economía do municipio.

A iniciativa conta cunha subvención de preto de 8.000 euros do GALP Ría de Pontevedra, financiada a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027.

O alcalde Ángel Moldes e a concelleira de Turismo, Rocío Cochón, comprobaron as instalacións, que están situadas en sendeiros azuis e unha delas atópase ao pé da Variante Espiritual e da Ruta do Padre Sarmiento, dous itinerarios xacobeos polos que transitan actualmente máis de 40.000 persoas ao ano, cunha presenza maioritaria de peregrinos internacionais e un fluxo de visitantes cada vez máis desestacionalizado.

O obxectivo é que quen se achega a Poio non só disfrute da súa gastronomía, das paisaxes e do patrimonio, senón que tamén coñeza as tradicións, a cultura mariñeira e as persoas que están detrás de todo iso. Os paneis ofrecen información sobre a actividade marisqueira, a súa importancia económica, social e cultural, as especies vinculadas a este oficio e o traballo que desenvolven as profesionais do sector.

Moldes destaca o interese crecente que os peregrinos e visitantes, especialmente os de procedencia internacional, amosan polas actividades vinculadas ao mar. Unha das particularidades da Variante Espiritual é precisamente o seu percorrido xunto á costa, que permite observar, cando as condicións o fan posible, o traballo das mulleres e dos homes dedicados ao marisqueo. Unha actividade que esperta a curiosidade de persoas chegadas dos cinco continentes e que constitúe unha oportunidade para dar a coñecer a realidade mariñeira do municipio.

A iniciativa busca transmitir todo o que hai detrás deste oficio: a historia, os coñecementos e a experiencia de quen o exerce, así como a súa contribución á economía e á identidade do municipio. Tamén supón un recoñecemento ao colectivo mariscador e reforza os esforzos municipais para preservar e divulgar o patrimonio ligado ao mar.

Neste sentido, o alcalde subliña que “esta actuación dá continuidade a outras propostas que conectan patrimonio mariñeiro, gastronomía e promoción turística, como a recente declaración da Festa da Ameixa de Campelo como Festa de Interese Turístico Galego, a iniciativa A ameixa no camiño e as xornadas gastronómicas”.

O proxecto responde así a unha idea de promoción turística na que a accesibilidade á información e a divulgación do patrimonio inmaterial ocupan un lugar fundamental. “Queremos que as persoas que visitan Poio se leven algo máis que unha experiencia gastronómica ou paisaxística, que descubran a súa cultura mariñeira e queiran volver”, engade.


OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio