O obxectivo é mellorar de xeito notable as condicións de hixiene e seguridade no posto de socorrismo e incorporar servizos sanitarios adaptados que estarán dispoñibles durante todo o ano.
A mesa de contratación do Concello de Poio propón licitar a fabricación e instalación de novos baños públicos e dun posto de socorrismo na praia de Cabeceira, en Lourido, á empresa Imagen Náutica. O proxecto, que conta cun investimento de 45.000 euros, mellorará de xeito notable as condicións de hixiene e seguridade no posto de socorrismo e incorporará servizos sanitarios adaptados que estarán dispoñibles durante todo o ano.
Unha vez que a empresa entregue a documentación requirida, disporá dun prazo máximo de un mes para entregar e instalar este módulo, polo que, como moi tarde, en febreiro a praia de Cabeceira xa contará con estes novos servizos.
O módulo situarase no mesmo emprazamento da caseta actual, que debido ao seu elevado deterioro non pode ser reutilizada. As novas instalacións terán unhas dimensións aproximadas de 8,34 metros de longo, 2,36 metros de ancho e 2,85 metros de altura. Incluirán aseos femininos e masculinos, cada un cun inodoro individualizado e lavabo, adaptados para persoas con mobilidade reducida. Pola súa parte, o posto de socorrismo contará cun espazo destinado á vixilancia, primeiros auxilios e coordinación de emerxencias.
A praia de Cabeceira é un dos dous areais de Poio que actualmente conta co distintivo Bandeira Azul. Ata o de agora, para cumprir cos requisitos de calidade, durante os meses de verán recorríase ao alugueiro de aseos portátiles. Coa instalación deste módulo, o Concello prevé amortizar este investimento nos primeiros dous anos de funcionamento e, a partir de aí, a instalación suporá un aforro para as arcas municipais ademais de mellorar de maneira notable o servizo ofrecido que deixará de ser temporal para converterse nun servizo permanente para a veciñanza.