Xa están activas as Bibliopraias, que este ano se inaugura no Laño

06/07/2026

Ángel Moldes: “Son iniciativas que enriquecen a oferta dos nosos areais e contribúen a fomentar o hábito lector».

O Concello de Poio reforza este verán o seu compromiso co fomento da lectura coa ampliación do servizo de Bibliopraia, que alcanza xa tres areais. Por terceiro ano consecutivo, esta iniciativa regresa ás praias de Cabeceira e Siorto e incorpórase por primeira vez á praia do Laño, en Samieira.

As tres praias contan co distintivo de Bandeira Azul, o que as converte, segundo destaca o alcalde, Ángel Moldes, en espazos ideais para combinar o lecer coa lectura ao carón do mar.

Durante os meses de xullo e agosto, tanto veciñanza como visitantes poderán acceder gratuitamente a unha ampla selección de libros en galego e castelán, con propostas para todas as idades. O préstamo realizarase nas casetas de socorrismo, no seu horario habitual de atención, todos os días entre as 12.00 e as 20.00 horas, onde tamén se devolverán os exemplares unha vez rematada a lectura.

O alcalde, Ángel Moldes, acompañado pola concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, visitou as Bibliopraias para presentar o servizo e animar aos bañistas a facer uso desta proposta. «É unha iniciativa interesante e innovadora que une lecer e cultura. Poder gozar dun libro á beira do mar é unha experiencia moi gratificante», sinala Moldes, quen subliña o compromiso do Concello de Poio coa promoción da lectura en todos os ámbitos e para todas as idades.

O rexedor destaca tamén a boa acollida que esta iniciativa está a recibir desde a súa posta en marcha. «Cada verán comprobamos como aumenta o número de persoas que se achegan ás Bibliopraias para escoller un libro entre as distintas propostas, que ademais se van renovando ao longo da tempada. Son iniciativas que enriquecen a oferta dos nosos areais e contribúen a fomentar o hábito lector», engade.

A colección inclúe unha ampla variedade de títulos infantís, como Os Bolechas, O Monstro de Cores, Os misterios dos fillos de Lúa ou Todo lo que necesitas saber, ademais de novelas para público adulto de autores como Dolores Redondo, José Saramago, Paulo Coelho ou Matthew Reilly.

Desde o Concello de Poio fan un chamamento ao uso responsable deste servizo, lembrando a importancia de devolver os libros unha vez rematada a súa lectura para que outras persoas tamén poidan desfrutar deles ao longo do verán.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio