Técnicos do proxecto da humanización de Campelo atenderán dúbidas e propostas dos veciños o 2 de abril

21/03/2024

As persoas interesadas poden solicitar cita chamando ao Concello de Poio, no teléfono 986 77 00 01.

Técnicos do proxecto de humanización da EP-0601, entre Campelo e o entorno da Seara, estarán no espazo municipal deste lugar o martes, 2 de abril, para atender as dúbidas e escoitar as propostas dos veciños. As persoas interesadas deben solicitar cita chamando ao concello, no teléfono 986 77 00 01.

O obxectivo desta reunión é escoitar as opinións das persoas que viven no lugar, porque van ser as que convivan diariamente coas actuacións proxectadas. Así se acordou na reunión que mantiveron hai uns días cos veciños o alcalde, Ángel Moldes, e a deputada provincial de Infraestruturas e Mobilidade, Isabel Couselo, na que ensinaron o proxecto redactado en 2022 para mellorar a seguranza viaria e crear unha senda peonil na EP 0601, entre Campelo e o entorno da Seara. Un proxecto que xa estaba pechado cando o novo Goberno chegou á Deputación de Pontevedra, pero que a petición do alcalde están dispostos a asumir os custes extras da modificación para adaptalo ás necesidades reais e propostas dos veciños.

Concretamente, as principais dúbidas radican nunha rotonda e a alternativa que se propón para o sentido único de circulación, xa que tal e como está o proxecto redactado desvía o tráfico polo camiño dos Mouchos, unha vía que non ten capacidade para asumir ese fluxo de coches.

O proxecto pódese consultar nas redes sociais do Concello de Poio. Require un investimento de 3M€, e afecta a un tramo de 1,8m de lonxitude. Inclúe reforma da contorna da Praza da Granxa, sendas de 2,5 metros de ancho, soterramento de instalacións e definicións de prazas de aparcamento. Ademais, inclúe sentido único entre a saída da praza da Granxa e o camiño dos Mouchos, onde prevé crear unha rotonda para desviar o tráfico inverso cara Campelo por ese camiño municipal.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio