O Concello de Poio repite a estratexia do ano pasado para poder sortear as limitacións do Goberno central ao uso dos remanentes e garantir a execución de investimentos. Informes técnicos avalan a necesidade de modificar estes proxectos, con necesidades detectadas ao abrir as gabias durante a execución das obras.
O Goberno local reserva preto de 480.000 euros para realizar melloras ás necesidades “detectadas en obra” durante a execución dos proxectos na avenida da Barca, en Casalvito e Vilariño, unha decisión que vai permitir maximizar os investimentos que se están realizando, garantir a máxima calidade das obras e evitar problemas futuros.
Así o explicou o alcalde, Ángel Moldes, esta mañá durante a Comisión de Facenda, na que adiantou que vai repetir a estratexia do ano pasado para “sortear” as limitacións que establece o Goberno central ao uso dos remanentes municipais. Estes investimentos forman parte dunha operación de crédito e están avalados por informes técnicos. Estes informes explican que “unha vez iniciadas as escavacións durante a execución destas obras, detectouse a existencia de diversas afeccións que inciden tanto nos servizos municipais de abastecemento, saneamento e pluviais como nos servizos alleos de electricidade e telecomunicacións, facendo necesaria a adoptación de solucións técnicas que permitan adeucar as actuacións previstas ás condicións reais detectadas en obra. Como consecuencia, considérase imprescindible a adopción dun proxecto modificado”.
En concreto, esta operación de crédito reserva 270.000 euros para o proxecto da PO-308, na Avenida da Barca, preto de 90.000 euros para aumentar o proxecto que se está executando entre Casalvito-O Padrón e 11.000 euros para a pista multideporte que se está construíndo en Vilariño.
O alcalde, Ángel Moldes, explica que o Concello de Poio viuse obrigado de novo a repetir esta fórmula alternativa que xa se utilizou o ano pasado para transformar os remanentes e os tributos do Estado en investimentos reais, tras todas as limitacións impostas polo Goberno central.
“Non podemos estar á espera do Goberno central, Poio avanza con ritmo e paso firme, e a parálise que supón non contar con orzamentos xerais do Estado non pode repercutir na veciñanza”, sinala.
Neste sento, aclara que esta operación de crédito compensarase cos máis de 300.000 euros que o Concello de Poio vai ter de remanente tras a liquidación do orzamento de 2025 e da previsión dos aumentos dos tributos do Estado. “Estes proxectos están en marcha e as necesidades detectadas polos técnicos para mellorar substancialmente a calidade das obras son prioritarias, para non repetir erros do pasado, onde se adoquinaba por riba e traídas particulares e, ao final, había que volver a abrir as estradas para solucionar os problemas, provocando máis gasto e molestias á veciñanza”.
Por último, Moldes subliñou que esta operación de crédito é compatible coa xestión económica realizada polo Goberno local durante este mandato, que permitiu reducir a débeda municipal nun 40% en tres anos. “Fronte ao descontrol orzamentario que herdamos, puxemos orde, cancelamos débedas e demostramos que se poden facer as cousas ben sen recortar servizos e sen renunciar a investimentos. Estamos cumprindo co que prometemos: gobernar mellor, con seriedade, con responsabilidade e pensando na veciñanza. Os feitos están aí”.