34 familias numerosas de Poio solicitaron este ano a bonificación de entre o 40% e o 90% no recibo do IBI

15/04/2026

Súmanse ás preto de 50 bonificacións que xa se aprobaron en 2025 e que se renovan automaticamente durante cinco anos. Esta bonificación complétase coa redución xeral do IBI a todos os fogares de Poio, que diminúe do 0,47 ao 0,43 e que xa se aplicará nos próximos recibos.

Un total de 34 familias numerosas solicitaron este ano a bonificación aprobada polo Concello de Poio para bonificar o recibo do IBI entre o 40 e o 90%. Unha cifra que se suma ás preto de 50 bonificacións que xa foron aprobadas en 2025 e que se renovan de xeito automático durante cinco anos.

O Concello de Poio pechou o 31 de marzo o prazo para solicitar este ano esta bonificación específica para familias numerosas, que se comezarán a tramitar nas vindeiras semanas. Unha bonificación que se vai sumar á baixada xeral do tipo impositivo do IBI do 0,47 ao 0,43, que beneficiará a todos os fogares do concello nos próximos recibos. Deste xeito, este colectivo verá reducido este ano o importe do imposto por partida dobre: pola diminución xeral do IBI e pola ampliación das bonificacións dirixidas ás familias numerosas.

Para poder beneficiarse da bonificación, a renda da unidade familiar dividida entre o número de membros non poderá superar o dobre do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) vixente en 12 pagas. No caso das familias con ata tres fillos, a redución será do 40%. A partir de aí, incrementarase nun 10% adicional por cada fillo máis (50% con catro fillos, 60% con cinco, e así sucesivamente), ata acadar un máximo do 90% para as familias con oito ou máis fillos.

A bonificación terá unha vixencia de cinco anos, sempre que non se produzan cambios nas condicións do suxeito pasivo beneficiario, que deberán ser comunicados ao Concello. As familias que xa solicitaron esta bonificación no ano anterior e manteñen a mesma situación non terán que presentar unha nova solicitude. Unha vez transcorridos os cinco anos, será necesario presentar, antes do 31 de marzo do ano correspondente, unha declaración responsable na que se faga constar que se seguen cumprindo os requisitos.

TRES BAIXADAS DE IMPOSTOS EN DOUS ANOS

Ademais desta bonificación do IBI para as familias numerosas, o Concello de Poio levou a cabo outras medidas de alivio fiscal nos últimos tres anos, como a redución dun 5% do imposto de circulación e da taxa de vados, así como a baixada do tipo impositivo do IBI en catro puntos, do 0,47 ao 0,43, ademais da conxelación do resto de taxas e impostos municipais.

MEDIDAS DE APOIO ÁS FAMILIAS

Estas bonificacións no imposto do IBI súmanse a outras medidas impulsadas polo Concello de Poio co obxectivo de apoiar ás familias e mellorar a súa calidade de vida. Entre elas destaca a posta en marcha da Unidade de Atención Temperá de Poio, dirixida a menores de 6 anos, así como a reforma e ampliación de novos espazos de lecer en diferentes puntos do municipio.

A estas actuacións engádese unha programación cultural anual atractiva e variada, pensada para todos os públicos, o incremento das axudas destinadas a reducir o custo do comedor escolar e a creación de espazos de conciliación familiar durante os meses de verán.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio