O obxectivo do Concello de Poio será solucionar as graves deficiencias de accesibilidade que ten na actualidade o acceso ás instalacións que acollen a Oficina de Turismo, a Aula Cemit e o programa Saudemente. Cándido Muíños explica que o proxecto supera os 43.000 euros e o seguinte paso é buscar financiamento para executar as obras canto antes.
Luz verde ao proxecto do Concello de Poio para rehabilitar o pavimento no entorno da Escola do Campo, en Combarro. A Comisión Informativa de Seguimento do Plan Especial e do Catálogo de Edificios e Conxuntos aprobou as actuacións previstas para solucionar as graves deficiencias existentes na praza que dá acceso ás instalacións.
Na actualidade, esta entrada presenta importantes problemas de accesibilidade, cunha pasarela de madeira completamente degradada que conduce ata a porta principal, así como unha capa de grava de canto rodado que dificulta o tránsito seguro e o fai practicamente imposible para persoas con mobilidade reducida.
O concelleiro de Patrimonio, Cándido Muíños, sinala que o proxecto ascende a 43.685,92 euros. Destaca que a aprobación por parte da comisión era imprescindible, xa que se trata dunha contorna protexida, e confirmou que todas as actuacións previstas son compatibles co Plan Especial de Protección do casco histórico de Combarro. “Seguimos avanzando na mellora dos espazos públicos do casco histórico, compatibilizando a conservación do patrimonio coa súa funcionalidade», indica.
Unha vez recibido o visto bo da comisión, sinala que o seguinte paso será a busca de financiamento para poder executar as obras coa maior brevidade posible e garantir un acceso seguro e en condicións axeitadas a este edificio situado no casco histórico e que acollen a Oficina de Turismo, a Aula Cemit e o programa Saudemente, polo que rexistran un acceso continuado de usuarios e usuarias ao longo de todo o ano.
A praza que dá acceso á Escola do Campo, cunha superficie de 144 metros cadrados, será obxecto desta intervención. A rehabilitación incluirá a colocación dun pavimento final en lousa granítica moena de pedra do país, en formato 40×60, integrándose coa contorna existente. Ademais, o proxecto contempla a recollida e evacuación de augas pluviais.
Durante a execución das obras, prestarase especial atención á protección da rocha natural que aflore, así como ás lousas de gran tamaño xa integradas nos pavimentos actuais. As actuacións seguirán técnicas construtivas tradicionais, en coherencia cos criterios de intervención nos conxuntos históricos.