Todos os colexios de Poio contan xa con comedor escolar tras a posta en marcha do servizo en Viñas

08/10/2026

O alcalde Ángel Moldes e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visitaron as instalacións, que xa utilizan 26 alumnas e alumnos do centro.

O Colexio de Viñas conta desde este curso cun novo comedor escolar, un servizo que xa utilizan un total de 26 nenos e nenas e que foi moi ben acollido polas familias. O alcalde Ángel Moldes e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visitaron hoxe as instalacións, xunto á concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, para coñecer de primeira man o resultado das obras de acondicionamento realizadas no centro educativo.

A posta en marcha deste comedor supón un avance na oferta de servizos educativos do municipio, xa que desde este curso todos os colexios de Poio dispoñen de comedor escolar, facilitando así a conciliación da vida familiar e laboral.

Para habilitar este novo espazo, leváronse a cabo diferentes actuacións destinadas a transformar unha antiga aula nun comedor escolar funcional e adaptado ás necesidades do alumnado. Os traballos incluíron o pintado das paredes, a substitución do teito, a adaptación dunha zona destinada á cociña mediante a instalación de revestimento metálico e a colocación dun sistema de iluminación intelixente. O resultado é un comedor cunha superficie de 65 metros cadrados, acondicionado para ofrecer este servizo ao alumnado do centro.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio