Ángel Moldes asistiu hoxe á graduación dos dous policías, que superaron o período de prácticas e tomarán posesión dos seus postos mañá. O Concello ampliou de 13 a 17 as prazas da Policía Local desde 2023 e continuará avanzando na cobertura das vacantes para reforzar o servizo.
A Policía Local de Poio incorpora mañá sábado dous novos axentes, que veñen de superar satisfactoriamente o seu período de prácticas e que comezarán a prestar servizo nas quendas habituais de traballo do corpo municipal. O alcalde de Poio, Ángel Moldes, e a concelleira de Seguridade Cidadá, Maritxe González, asistiron hoxe ao acto de graduación dos policías na Estrada, que tomarán posesión dos seus postos mañá e pasarán a estar plenamente operativos.
Estas incorporacións forman parte do proceso de ampliación e reforzo da Policía Local impulsado polo Concello de Poio, que pasou de contar con 13 prazas en 2023 a un total de 17 na actualidade. Trátase dun incremento de catro prazas co que o Goberno local busca adaptar progresivamente os recursos humanos do corpo ás necesidades da veciñanza, mellorar a capacidade de resposta e garantir un servizo próximo e eficaz.
Na actualidade, o cadro de persoal da Policía Local de Poio contempla 17 prazas, incluíndo os dous novos axentes e un policía en situación de segunda actividade, que desenvolve funcións administrativas en horario de mañá.
Destas 17 prazas, tres están vacantes. Unha delas está ocupada de maneira accidental desde o ano 2017, mentres que as outras dúas son de nova creación. Destas últimas, unha corresponde á xefatura da Policía Local, que se cubrirá mediante o procedemento de libre designación, e a outra é unha praza de oficial, que se convocará nos próximos meses a través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).
En canto á situación operativa do corpo, hai nove policías que prestan servizo en quendas rotatorias de sete días, mentres que outros catro efectivos permanecen de baixa médica, concretamente un oficial e tres axentes.