Este mediodía fixemos o parón institucional con motivo do 25N diante da Casa do Concello, onde se deu lectura á declaración institucional.
Hoxe lembramos con tristura e cun gran sentimento de derrota como sociedade a todas as mulleres asasinadas pola violencia machista, e acompañamos ás súas familias e ás persoas que as querían.
Recoñecemos a todas as mulleres que sufriron ou sofren esta lacra, tamén as que continúan vivindo baixo ameazas, control ou maltrato.
Lembramos ás súas fillas e fillos, que tamén son vítimas directas desta violencia.
Para todas, hai saída, e como sociedade e institución temos a obriga de que esta mensaxe clara e contundente traspase portas, ventás e muros.
Durante este ano, 44 mulleres foron asasinadas en España polas súas parellas ou exparellas. Unha delas foi asasinada en Galicia. Nese mesmo período, a violencia machista tamén acabou coa vida de tres menores.
Polo tanto, non hai igualdade real mentres persista a violencia machista. Cada nome, cada vítima, debemos encaixala como unha derrota.
A violencia machista, como máxima expresión da dominación patriarcal, continúa a ser o principal problema das mulleres no mundo e en Galicia, ao atentar contra o seu elemental dereito a unha vida libre e sen violencia.
Así mesmo, o avance no mundo e na nosa contorna máis próxima dos discursos, posicións e organizacións máis retrógrados, que mesmo cuestionan ou banalizan a violencia machista, supón unha ameaza aos nosos dereitos e un avance de violencias como a mercantilización dos corpos das mulleres ou o retroceso nos dereitos reprodutivos e sexuais.
É por iso que hoxe, máis que nunca, a conmemoración do 25 de novembro como Día Internacional contra as Violencias Machistas non pode limitarse a unha efeméride discursiva baleira de compromisos concretos que nos permitan avanzar colectivamente conforme demanda o movemento feminista galego.
Neste 25N o Concello de Poio súmase ao lema de ONU Mulleres: «Garantir a xustiza, protexer as superviventes e poñer fin á impunidade».
Garantir a xustiza significa que todas as mulleres poidan coñecer e exercer os seus dereitos.
Protexer ás superviventes, conleva escoitalas sen que sexan xulgalas, respectar as súas decisións e coidar a súa privacidade.
Poñer fin á impunidade esixe que quen exerce a violencia responda polos seus actos e que as institucións actúen con dilixencia.
Hai moitos máis tipos que a violencia física e os golpes. A violencia psicolóxica ou sexual; exercer o control sobre a outra persoa; as ameazas e o acoso son tamén formas de violencia. As humillacións, facela sentir que vale menos, controlar os seus cartos para que dependa de quen exerce ese control ou provocar que viva con medo…
Pero a violencia machista tamén se exerce na contorna dixital, a través das redes sociais ou mesmo coa intelixencia artificial.
En Poio seguiremos traballando cos centros educativos para educar en igualdade, previr estas condutas e aprender a recoñecelas e a actuar ante elas.
Como Concello, comprometémonos a escoitalas, respectar as súas decisións e acompañalas.
Á veciñanza pedímoslle que escoite sen xulgar e que ofreza apoio respectando sempre a vontade de cada muller.
Reivindicamos o feminismo como motor de transformación e avance social e expresar o rexeitamento ao avance de discursos, gobernos e medidas machistas e reaccionarias que, en todo o mundo e tamén no contexto máis próximo, supoñen un ataque directo aos dereitos das mulleres, especialmente no que ten a ver co cuestionamento da violencia machista, a negación e o recorte de dereitos sexuais e reprodutivos coma o aborto e a violencia económica ou a mercantilización do corpo das mulleres.
Recoñecemos a violencia de xénero como unha violencia estrutural con orixe na desigualdade e na discriminación histórica das mulleres e comprométese coa defensa das políticas públicas de prevención, atención, protección e recuperación das vítimas.
Defendemos a continuidade, o fortalecemento e a mellora do sistema público de protección ás mulleres vítimas de violencia de xénero, garantindo a estabilidade dos recursos humanos, técnicos e económicos necesarios.
Manifesta o seu rexeitamento aos discursos negacionistas que invisibilizan ou minimizan a violencia de xénero e que repercuten negativamente na educación e na socialización das novas xeracións nos valores da igualdade, o respecto e o consentimento.
Comprometémonos a desenvolver as competencias propias nesta materia e a colaborar coas medidas que lle correspondan no cumprimento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, garantindo financiamento, compromiso e coordinación institucional, así como unha utilización adecuada dos fondos.
Aseguramos o mantemento dos servizos municipais de atención ás vítimas de violencia de xénero, dos programas de prevención e sensibilización, da formación especializada do seu persoal e dos protocolos de coordinación cos servizos sociais, sanitarios, educativos, policiais e xudiciais, así como coas entidades feministas que traballan neste ámbito.
Instamos ao Goberno de España a continuar, tras as eleccións e de maneira inmediata, coa tramitación xa iniciada da Lei orgánica de medidas en materia de violencia vicaria, co obxectivo de dar resposta a esta forma específica de violencia que se exerce contra os fillos, as fillas e outras persoas próximas á muller vítima, coa única finalidade de provocarlle o maior dano posible. Gregorio
Solicitamos á Xunta de Galiza que tome as medidas necesarias para que as axudas económicas existentes no ámbito da violencia machista sexan incrementadas acorde á carestía da vida de forma que continúen a ser un recurso valioso e útil e a blindar por lei a súa actualización, para o que deberá comprometer a reforma da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero de forma que se incorpore o incremento anual segundo a variación media do Índice de Prezos de Consumo.
En resumo, queremos un Poio no que todas as mulleres e nenas poidan vivir libres e sen medo. Para facelo posible, desde o Concello seguiremos traballando para previr a violencia machista e para que cada muller que precise axuda saiba onde atopala e reciba o apoio que necesita. Ese é o noso compromiso todos os días do ano.