Samieira convértese este sábado no epicentro da BTT coa Copa Galicia XCO, que espera a participación de 270 persoas

21/04/2026

É unha das probas históricas dentro do ciclismo galego.

Samieira converterase este sábado, día 25, no epicentro da BTT galega coa celebración da terceira edición da XCO Samieira, unha proba de referencia no calendario autonómico e que está incluída na Copa Galicia de XCO.

Espérase a participación de 270 ciclistas na proba, que comezará ás 15.00 horas, con saída e chegada no campo de fútbol Río de Bois, nun circuíto único de preto de 3.700 metros, no que cada categoría dará as voltas correspondentes segundo criterios técnicos.

O alcalde, Ángel Moldes, e o concelleiro de Deportes, Tucho Muíños, presentaron esta mañá a proba xunto ao presidente do Club Ciclista Samieira, Nacho Uhía, e a directora de Deportes da Deputación de Pontevedra, Xisela Aranda. Moldes destacou que “esta cita consolídase como un dos grandes eventos deportivos do municipio e unha referencia dentro do calendario galego”, e subliñou que “desde o Concello de Poio seguimos apostando por impulsar probas deportivas de calidade que tamén contribúan á dinamización económica e turística da contorna”. Ademais, engadiu que “Samieira ofrece un escenario privilexiado para este tipo de competicións, tanto polas características do circuíto como polo apoio da veciñanza”.

Na primeira manga, ás 15.00 horas, correrán os ciclistas da categoría infantil; na segunda (16.00 horas), cadetes e máster; e, na terceira (17.15 horas), o resto de categorías. Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados nas categorías masculinas e femininas de sub23, máster 60, máster 50, máster 40, máster 30, júnior, élite UCI, élite, cadete e infantil.

Desde a organización recordan que esta non é unha proba máis da Copa Galicia: trátase dunha proba histórica para o ciclismo galego, xa que, antes de que existise competición federada en Galicia, en Samieira xa se disputaba esta carreira. Habilitaranse amplas zonas de servizos, que inclúen estacionamento, área para equipos, zona técnica, asistencia médica e espazos para o público.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio