Rosalía Outón, Elena Padín, Marina Buceta, Jesusa Pazos e Peregrina Nores, referentes que Poio homenaxeará polo 8M

08/02/2024

O Concello de Poio homenaxeará a cinco mulleres referentes polo 8M, unha representante de cada parroquia que destaca pola súa traxectoria persoal, social ou laboral e que son exemplo da participación da muller na sociedade. Así, premiarase a traxectoria de Rosalía Outón Vázquez, veciña de Raxó que ten 101 anos; de Elena Padín Gómez, de 55 anos e veciña de Samieira; Marina Buceta Alonso, 60 anos e de Combarro; Jesusa Pazos Carballa, 88 anos e veciña de San Xoán; e a Peregrina Nores Fernández, de San Salvador e con 67 anos.
Así o decidiron os colectivos que forman parte do Consello Municipal da Muller, que se reuniron estes días para presentar as súas propostas e, entre todas, elixir o nome das mulleres homenaxeadas este 2024. Segundo explica a edil de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, “o obxectivo desta homenaxe é poñer en valor o papel das veciñas do noso municipio. En Poio temos moitas mulleres que son exemplo de forza, de empuxe, de constancia, e que teñen detrás unha grande historia de vida”.
A homenaxe destas veciñas será o propio venres, 8 de marzo, e inclúese dentro da programación que o Concello de Poio está elaborando para conmemorar o Día da Muller, e que se presentarán nas próximas semanas. Unha programación que, segundo adianta a concelleira, aposta por chegar a todas as idades e, sobre todo, espertar conciencia, rachar estereotipos e fomentar a igualdade entre as xeracións máis novas.
No Consello Municipal da Muller, ademais de Natividad Torres, como presidenta, participan representantes dos tres grupos da corporación municipal, así como dos colectivos Asociación de Mulleres Airiños do Mar, Mulleres do Mar, Mulleres Progresistas, Mulleres Rurais Santa Trahamunda, Mulleres en Igualdade, Arela, e as asociacións de veciños de Raxó, Campelo, Bao e Lourido.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio