Remata o ensanche da Travesía da Cachada, en Campelo, para mellorar a mobilidade e garantir os accesos dos servizos de emerxencias

20/10/2026

Ángel Moldes, que comprobou o remate da obra, explica que esta actuación era un compromiso do Goberno coas familias que residen neste lugar.

O Concello de Poio rematou as obras de ensanche da Travesía da Cachada, en Campelo, unha actuación que permite mellorar a mobilidade e, sobre todo, garantir o acceso dos vehículos de emerxencia ás vivendas situadas nesta zona do camiño.

O alcalde, Ángel Moldes, que comprobou o remate dos traballos, sinala que esta actuación formaba parte dos compromisos adquiridos polo Goberno local coa veciñanza e que foi posible grazas á colaboración dos residentes, que cederon voluntariamente parte dos seus terreos para permitir un importante ensanche da vía.

Neste sentido, Moldes destaca que, con vontade, diálogo e colaboración, é posible impulsar melloras que repercuten directamente na calidade de vida e no día a día da cidadanía. Lembra, ademais, que nesta zona se viviron situacións especialmente complicadas debido ás dificultades de acceso, que chegaron a impedir a entrada dunha ambulancia para atender unha urxencia e mesmo dun coche fúnebre para recoller a un veciño falecido. “A nosa prioridade é garantir que, ante calquera accidente, urxencia ou incendio, os veciños teñan a tranquilidade de saber que os vehículos de emerxencia poderán acceder ás súas vivendas sen dificultades”, subliña.

As obras consistiron na realización de movementos de terras para ampliar a anchura do camiño, así como na pavimentación da vía e na execución da sinalización horizontal.

Moldes explica que o Goberno local está a priorizar investimentos destinados a resolver problemas e atender necesidades que levan anos pendentes en diferentes puntos do municipio. Trátase de actuacións que, aínda que poidan parecer pequenas, supoñen melloras moi importantes para a cidadanía e, especialmente, para as familias que residen nestas zonas.

Neste sentido, incide en que cada un destes proxectos contribúe a garantir vías máis seguras, mellorar a accesibilidade e ofrecer servizos básicos de calidade en todo o municipio. “Estamos dando resposta a demandas históricas da veciñanza, mellorando rúas e espazos que levaban anos sen arranxarse e convertendo os compromisos en feitos para que Poio siga avanzando”, conclúe.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio