O Concello de Poio vén de rematar os traballos de mellora da pista forestal de Xarrapio, situada na falda do Monte Castrove, unha actuación que contou co financiamento da Xunta de Galicia e que se enmarca nas actuacións de prevención e mellora das infraestruturas forestais do municipio.
Os traballos permitiron acondicionar o firme da vía, mellorar a drenaxe e realizar labores de mantemento nas marxes, incrementando a seguridade e a funcionalidade desta pista forestal.
Ademais, leváronse a cabo actuacións nas faixas de protección e nas infraestruturas forestais, acondicionando e explanando os accesos para facilitar a entrada dos equipos de emerxencia no caso de que sexa necesaria a súa intervención. Este tipo de actuacións resultan fundamentais para mellorar a capacidade de resposta ante posibles incendios forestais e garantir un acceso rápido aos medios de extinción.
O concelleiro de Medio Ambiente, Marcial García, destacou que «a prevención é a mellor ferramenta para protexer o noso monte, ás persoas e ás vivendas. Por iso, desde o Concello de Poio seguimos realizando un importante esforzo para anticiparnos aos riscos e contar con infraestruturas e medios que reforcen a capacidade de resposta ante calquera incidencia».
O Concello continuará desenvolvendo actuacións de conservación e mellora das infraestruturas forestais, especialmente nas zonas próximas aos núcleos de poboación, co obxectivo de reforzar a protección do territorio e contribuír á conservación do medio natural.