A avenida da Barca, na PO-308 ao seu paso por Poio, recuperará de maneira provisional o dobre sentido de circulación durante o verán. Así, desde as 16.00 horas desta tarde e ata o 31 de agosto, incluído, os vehículos poderán circular en ambos sentidos.
Esta medida ten como obxectivo facilitar a mobilidade e mellorar a fluidez do tráfico nun período de especial afluencia de vehículos. Desde o Concello de Poio recordan que o compromiso do Goberno é reducir ao máximo os períodos de sentido único de circulación aos momentos que sexan imprescindibles para avanzar coas obras.
No caso dos vehículos de mercadorías, manterase o desvío alternativo habilitado desde o inicio das obras, de xeito que evitarán a zona da Barca desviándose desde a estrada de Vilagarcía polo polígono do Bao.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, explica que durante estas semanas aproveitaranse os traballos que non interfiran co tránsito nin co paso de vehículos. Ademais, lembra que durante o mes de agosto o sector da construción conta cun convenio propio que supón a paralización parcial da actividade, aínda que parte da obra continuará executándose.
Moldes incide en que o principal obxectivo é compatibilizar a execución da actuación coa mobilidade diaria da veciñanza, sen comprometer os prazos previstos. «A obra ten un prazo de execución de doce meses, que remata en novembro, e nestes momentos non sofre ningún atraso», sinala. O alcalde lembra tamén as dificultades derivadas do inverno, con episodios de chuvias continuadas que condicionaron o ritmo dos traballos, e agradece o esforzo da empresa construtora por manter a planificación prevista.
Así mesmo, pide desculpas polas molestias que poidan ocasionar as obras e apela á comprensión da cidadanía. «Se queremos melloras nunha zona, esas melloras teñen que ir acompañadas de obras que inevitablemente provocan algunhas molestias», indica. Neste sentido, destaca que a recuperación temporal do dobre sentido de circulación responde á vontade do Concello de minimizar o impacto das obras no día a día da veciñanza e das persoas que transitan pola contorna.
O alcalde lembra tamén que se trata dunha actuación de gran complexidade, xa que inclúe a reposición integral dos servizos. «Hai unha parte moi importante da execución que non se ve, porque corresponde precisamente á renovación das infraestruturas soterradas», explica.
Esta actuación corresponde á primeira fase do proxecto de humanización da PO-308, que ten como finalidade recuperar o espazo público para as persoas, priorizando o tránsito peonil fronte ao motorizado, así como favorecer o comercio local, a accesibilidade e a seguridade viaria.
Entre as actuacións que se están executando inclúense a ampliación das beirarrúas (cun mínimo de 2,5 metros), a instalación de elementos de calmado do tráfico, a mellora dos servizos urbanos, novo mobiliario público, zonas asistenciais, infraestruturas para o transporte público e prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida.