Dentro do programa inclúense melloras en Rúa Viñas, Camiño da Bouza, da Fábrica, Rúa do Adro, dous ramais do Pereiro, Camiño da Ribeira e Río Lérez. Marcial García explica que no caso da Rúa Viñas é unha actuación “urxente e transitoria” mentres non se executa o proxecto máis amplo e ambicioso que está previsto a curto prazo.
O Concello de Poio continúa mellorando a rede viaria municipal, neste caso coa reparación de oito camiños a través do Plan Vía Depo. Investirá 116.715,33 euros nesta actuación, que permitirá actuar en distintos puntos do municipio para reforzar a seguridade viaria e mellorar o estado do firme.
Dentro deste programa inclúense actuacións na Rúa Viñas, no Camiño da Bouza, Camiño da Fábrica, Rúa do Adro, dous ramais do Pereiro, así como no Camiño da Ribeira e en Río Lérez. Os traballos consistirán principalmente na renovación do pavimento e na posta a punto destes viarios municipais, afectados polo desgaste e polos efectos dos temporais dos últimos meses.
O concelleiro de Obras e Servizos, explica que no caso da Rúa Viñas, acometerase agora un pavimentado para actuar “de forma urxente e transitoria” ante o alarmante deterioro do vial, de xeito consensuado coa veciñanza, pero aclara que o obxectivo é investir a curto prazo nun proxecto máis amplo, co que mellorar a mobilidade e seguridade de toda a estrada. “Tal é o deterioro do vial que supoñía un maior custe bachear que asfaltar, e o resultado vai ser completamente diferente”, sinala García, que engade que, con todo, “o obxectivo para a Rúa Viñas é executar un proxecto máis ambicioso que dea resposta ás necesidades reais da veciñanza”.
Neste senso, recorda que no anterior mandato o Tripartito presentou para Viñas un proxecto por valor de 1M€ para executar con fondos provinciais que, finalmente, non se executou porque o anterior Goberno provincial desestimou a proposta por non acadar a puntuación necesaria.
Para o Goberno local, engade, estas intervencións permitirán mellorar a mobilidade e a seguridade tanto para vehículos como para peóns, dando resposta ás necesidades trasladadas pola veciñanza e avanzando no mantemento da rede viaria municipal, unha rede especialmente deteriorada tras a climatoloxía e os temporais deste inverno.
Desde o Concello subliñan ademais a importancia da colaboración institucional a través do Plan Vía Depo para poder executar actuacións de mellora en diferentes parroquias e núcleos do municipio.