Na apertura tamén participa o alcalde, Ángel Moldes, que dará paso ás ponencias de profesionais e familiares. O encontro chega cando se cumpre pouco máis dun ano da posta en marcha do Servizo de Atención Temperá de Poio, que xa prestou apoio a máis de cen familias do municipio.
O I Congreso de Atención Temperá do Concello de Poio, baixo o lema “Medrando en Familia”, conseguiu cubrir todas as prazas dispoñibles, con cen participantes que se darán cita no Pazo Besada este sábado para recibir ferramentas prácticas de apoio ao desenvolvemento infantil.
A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o alcalde de Poio, Ángel Moldes, serán os encargados de abrir unha xornada drixida ás familias, ás que se lles ofrecerán ferramentas prácticas para acompañar e favorecer o desenvolvemento infantil desde unha perspectiva próxima, accesible e multidisciplinar. O encontro chega cando se cumpre pouco máis dun ano da posta en marcha da primeira Unidade de Atención Temperá de Poio, que xa prestou apoio a máis de cen familias do municipio.
Moldes destaca que «neste tempo, o servizo pasou de ser unha aposta municipal a converterse nunha realidade que xa mellorou a vida de máis de cen familias de Poio, demostrando que investir na infancia é investir no futuro”. Subliña que “detrás de cada avance, de cada logro e de cada sorriso hai un traballo profesional, coordinado e comprometido que contribúe a construír unha sociedade máis inclusiva e con máis oportunidades”. Por iso, asegura que como Concello “sentimos un profundo orgullo por este proxecto, porque naceu da convicción de que as familias merecen contar con terapias especializadas e preto da casa».
Ao longo da mañá, profesionais de distintos ámbitos e familias usuarias do servizo compartirán coñecementos e experiencias arredor da atención temperá, abordando esta realidade desde os ámbitos sanitario, educativo, social e familiar.
«A extraordinaria resposta a este congreso, co aforo completo e profesionais chegados de distintos ámbitos, confirma a intención de seguir traballando nunha atención temperá de calidade, próxima ás familias e centrada nas necesidades dos nenos e nenas”, engade.
A primeira intervención correrá a cargo de Sonia Limés González, psicóloga especializada en Atención Temperá e Neuropsicoloxía. Cunha ampla traxectoria profesional de máis dunha década acompañando a nenos, familias e profesionais, actualmente coordina o Servizo de Atención Temperá de Poio, compatibilizando esta labor coa formación de profesionais da primeira infancia e a súa participación na xunta directiva da Asociación Española de Primeira Infancia.
A continuación, participará Laura Arias García, especialista en Pediatría e Neuropediatría, que compaxina a consulta de neuroloxía pediátrica e enfermidades raras coa súa experiencia na Unidade de Coidados Intensivos Neonatais. A súa práctica profesional destaca por unha visión integral do neurodesenvolvemento e polo acompañamento ás familias nos primeiros anos de vida.
O ámbito social estará representado por Rosa Freire Fariña, traballadora social do Concello de Poio, quen achegará a súa experiencia na atención de proximidade, o acompañamento ás familias e o traballo comunitario, facendo especial fincapé na coordinación entre profesionais e no fortalecemento das redes de apoio da comunidade.
Tamén intervirá Ana Martín-Serrano Fontenla, creadora de La Monda, unha marca galega especializada en prendas adaptadas, complementos funcionais e ferramentas deseñadas para persoas neurodiverxentes. Nai dun neno autista, a súa iniciativa nace da experiencia persoal e da escoita activa das necesidades das familias, dos centros educativos e dos contextos terapéuticos, co obxectivo de contribuír á eliminación de barreiras e á mellora da autonomía e do benestar.
A última ponencia será impartida por Nerea Díaz Rodríguez, mestra de Educación Infantil e creadora do proxecto Irmanais. Especializada en pedagoxías activas, innovación educativa, pedagoxías verdes e disciplina positiva, presentará unha proposta que combina rigor pedagóxico, creatividade e respecto polos ritmos da infancia.
O congreso rematará cunha mesa redonda aberta á participación do público, na que as persoas asistentes poderán trasladar as súas dúbidas e preguntas ás relatoras.
Durante a celebración do congreso, tamén se ofrece un servizo gratuíto de monitorado para o coidado dos menores.