A elevada demanda confirma o interese da veciñanza polas prácticas sostibles e a alimentación saudable.
O Concello de Poio volve rexistrar un novo éxito de participación coa segunda edición do curso práctico “Fermentados caseiros”, que comeza esta tarde na Casa Rosada coas 20 prazas dispoñibles completamente cubertas.
A iniciativa consolídase como unha proposta formativa de gran interese entre a veciñanza, cada vez máis sensibilizada coa alimentación saudable, o aproveitamento dos alimentos e os hábitos sostibles no fogar.
O curso está impartido por Soledad Saburido Álvarez, de Fermentos da Meiga, especialista en fermentación artesanal, e permitirá ás persoas participantes achegarse de maneira práctica ao mundo da fermentación doméstica, unha técnica tradicional de conservación que vive actualmente un importante auxe polos seus beneficios nutricionais e ambientais.
Durante as sesións abordaranse cuestións como a introdución á fermentación e as súas propiedades, a elaboración de fermentos vexetais e bebidas fermentadas, así como distintas técnicas para incorporar estes procesos ao día a día. Ademais, o curso rematará cunha degustación dos produtos elaborados.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, participou esta tarde no inicio da actividade e destacou “o enorme interese que existe no municipio por este tipo de iniciativas vinculadas á sostibilidade, á reutilización e á economía circular”. Neste sentido, subliñou que “a rápida cobertura das prazas demostra a implicación da veciñanza con prácticas responsables que contribúen a reducir residuos e fomentar hábitos máis saudables”.
Moldes puxo tamén en valor a aposta do Concello por impulsar actividades formativas que combinan sustentabilidade e participación, especialmente aquelas relacionadas co coidado do medio ambiente e o consumo responsable.