O municipio segue a consolidarse como hub ou campamento base para grupos de peregrinos internacionais, que escollen Poio para pernoctar e almorzar durante unha ou varias etapas do camiño, como un novo grupo de peregrinos italianos dunha viaxe organizada por Radio Bruno, unha das principais emisoras de radio italiana, con 1,3 millóns de oíntes diarios.
Poio segue a medrar como punto de referencia das peregrinacións xacobeas nas Rías Baixas. Así, cos datos recollidos nos puntos de selado do Concello e do Mosteiro de San Xoán, os primeiros cinco meses de 2026 rexistraron un total de 4.788 peregrinos, fronte aos 3.661 contabilizados no mesmo período de 2025, o que supón un incremento de máis dun 30%.
Coincidindo co inicio da tempada alta máis tradicional, que atraerá a Poio a moitos milleiros de persoas durante o verán, a concelleira de Turismo, Rocío Cochón, quixo poñer en valor uns datos que “confirman que o turismo xacobeo é xa un motor socioeconómico cada vez máis importante para Poio, con moitísimo potencial”.
Así, Cochón subliñou que as variantes xacobeas volveron demostrar o seu papel desestacionalizador e internacional, xa que entre os peregrinos que chegaron ao Concello entre xaneiro e maio, un 80% eran de orixe estranxeiro, de máis de 60 nacionalidades dos cinco continentes.
“Falamos duns visitantes que chegan durante todo o ano, que descubren o noso patrimonio, e que cada vez máis consumen na hostalería e no comercio local, utilizan servizos, pernoctan no municipio e, se converten en extraordinarios embaixadores de Poio cando regresan ao seu país”, sinalou.
A edil de Turismo destacou o forte crecemento de peregrinos procedentes de orixes como Polonia, cun 300% máis de peregrinos que en 2025, China, cun 120%, Canadá (50%), Alemaña, Italia ou Portugal, todos eles cunha subida superior ao 20%. Por outra banda, no que vai de 2026 rexistráronse peregrinos de nacionalidades que non se rexistraran anteriormente, como Albania, Kazakhstán ou Honduras.
Cómpre destacar que os peregrinos nacionais e internacionais creceron aproximadamente na mesma proporción, un 30%.
O ránking de nacionalidades dos peregrinos estranxeiros é Portugal (21,5%), EEUU (13%), Italia (11%), China (6%) e Alemaña (5,7%), seguidos por Reino Unido, Canadá, Países Baixos, Polonia e Bélxica.
Segundo explicou Cochón, “o Camiño axúdanos a avanzar cara a un modelo máis sostible, máis internacional e menos dependente da estacionalidade”. “Poio ten unha oferta única para este perfil de visitante: patrimonio, natureza, mar, gastronomía, tranquilidade e servizos de calidade ao pé da Variante Espiritual e da Ruta do Padre Sarmiento. O noso obxectivo é que cada vez máis peregrinos non só pasen por Poio, senón que paren, xanten, ceen, durman, merquen e marchen coa idea de volver”, engadiu.
POIO SEGUE CONSOLIDÁNDOSE COMO CAMPAMENTO BASE PARA PEREGRINOS INTERNACIONAIS
Este avance reflíctese tamén no número cada vez maior de peregrinos internacionais que escollen Poio como “hub” ou campamento base para realizar distintas etapas da Variante Espiritual. Nos últimos meses ven aumentando a presenza de grupos organizados en orixe que utilizan o municipio como base de operacións, desprazándose antes e despois de cada xornada para durmir, almorzar, cear ou contratar servizos en distintos puntos do concello.
Precisamente, na última semana un novo grupo de peregrinos italianos, pertencentes a unha viaxe organizada por Radio Bruno, -unha das principais emisoras radiofónicas do centro de Italia con máis de 1,3 millóns de oíntes diarios,- pernoctou varias xornadas en Poio, onde tamén almorzaron, cearon e coñeceron o patrimonio e a oferta turística.
Nunha das súas saídas foron saudados polo alcalde, Ángel Moldes, e pola concelleira de Turismo, Rocío Cochón, que lles fixeron entrega dunha pulseira de Poio e dun pequeno recordo da súa visita. Agradecéronlles que elixisen o municipio e convidáronnos a “regresar con máis tempo para seguir descubrindo Poio, porque aquí sempre terán as portas abertas”.
Desde o goberno local enmarcaron este incremento da presenza internacional no traballo desenvolvido polo Concello nos últimos meses, especialmente nos contactos establecidos en Fitur 2026 con axencias, turoperadores e profesionais especializados no turismo xacobeo. “É un traballo discreto, constante e de fondo, pero que xa está dando resultados: máis grupos, máis pernoctacións, máis gasto no municipio e máis proxección internacional para Poio”, aformaron.
UN MODELO TURÍSTICO DE CALIDADE, SOSTIBLE E DURANTE TODO O ANO
O Concello de Poio impulsa o turismo xacobeo como un dos eixos da súa estratexia turística, con iniciativas como a campaña “Poio, no Bo Camiño”, a credencial propia do peregrino ou o Punto de Atención ao Peregrino, un tótem interactivo en varios idiomas que ofrece información sobre rutas, aloxamento, restauración, comercio, servizos, patrimonio, ocio e recursos turísticos do municipio.
Cochón subliñou que “o importante non é só que cada vez pasen máis peregrinos, senón que cada vez máis descubran todo o que Poio lles pode ofrecer”. “Poio é Único, cun patrimonio inigualable, cultura, natureza, gastronomía…. e unha rede de aloxamentos e servizos de primeiro nivel. As variantes xacobeas permítenos conectar todo iso cun visitante internacional, respectuoso, interesado pola cultura e pola autenticidade, e cun enorme potencial para xerar riqueza e emprego”, destacou.
“Estes datos anímannos a seguir traballando para consolidarmos un destino de referencia no turismo xacobeo, cultural, internacional, sostible e desestacionalizado”, concluíu Cochón. “E estamos no bo camiño”.