Poio pecha unha Festa do Mar “espectacular e de primeiro nivel”, que consolida a súa aposta pola identidade mariñeira

01/09/2025

Milleiros de persoas desafiaron á choiva para gozar dunha programación diversa e de calidade, convertendo o evento nun éxito rotundo.

O Concello de Poio puxo o broche de ouro a unha nova edición da Festa do Mar, que este ano consolida un modelo centrado na calidade da programación e na posta en valor da identidade mariñeira do municipio. Un evento que combina tradición, cultura e música, e que se reafirma como escaparate privilexiado dun dos sectores económicos e sociais máis relevantes.

O alcalde, Ángel Moldes, cualificou a celebración como “espectacular e de primeiro nivel, cunha programación moi potente durante os catro días e un ambiente extraordinario”. A pesar da choiva que marcou boa parte da fin de semana, milleiros de persoas achegáronse á Praza da Chousa para gozar dun amplo abano de actividades pensadas para todos os públicos.

Un dos grandes reclamos volveu ser a carpa-museo, que ofreceu unha auténtica viaxe pola cultura mariñeira de Poio. Alí os visitantes puideron descubrir exposicións fotográficas, embarcacións tradicionais, maquetas de bateas e barcos, utensilios de pesca e, como novidade desta edición, unha sección especial dedicada ao salvamento marítimo e ás telecomunicacións. Tamén destacou o Cine do Mar, que completou a oferta cultural da carpa.

No apartado musical, a festa contou con actuacións destacadas de artistas e bandas como Coti, Natalia, Miss Caffeina, La Ocaband, Grupo América e Pop Rock Symphony Fusion, que encheron de ritmo as noites da Chousa, incluso nos momentos máis intensos de choiva. Ademais, os Djs Jorge Álvarez e Arroww puxeron a banda sonora ás noites máis xuvenís.

Outros puntos destacados foron a Mostra da Canción Mariñeira, que volveu congregar a numeroso público, e o Encontro de Embarcacións Tradicionais, organizado polo Club Mariño A Reiboa, que se consolida como unha cita de referencia malia as dificultades meteorolóxicas.

Desde o Concello salientan que a Festa do Mar “non só dinamiza o tecido social e cultural, senón que tamén supón un impulso importante para o turismo e o desenvolvemento socioeconómico do municipio”. Moldes puxo en valor a aposta por trasladar a oferta gastronómica aos restaurantes e tabernas locais, unha fórmula que permite aos visitantes descubrir de primeira man a calidade dos produtos do mar elaborados nos propios establecementos de Poio. Como complemento, as foodtrucks da Consellería do Mar ofreceron máis de 6.000 petiscos durante os vermús mariñeiros amenizados con música en directo.

Con este balance positivo, Moldes afirma que “a Festa do Mar afiánzase como un evento esencial do calendario festivo galego, que combina patrimonio, tradición, música e gastronomía para seguir impulsando o orgullo e identidade mariñeira do noso municipio”.

En relación co plan de seguridade elaborado en colaboración coa Garda Civil, Protección Civil e empresas de seguridade, destacouse o seu bo funcionamento, xa que o tráfico foi fluído en todo momento. A esta situación contribuíron tamén os dous aparcamentos municipais gratuítos situados no centro de Combarro, así como o Porto da Canteira, habilitado grazas a un acordo con Portos de Galicia. En conxunto, estas zonas de estacionamento ofreceron máis de 6.000 metros cadrados dispoñibles para os vehículos.

OFICINA DE TURISMO NA PRAZA DA CHOUSA

Outro dos acertos da organización, segundo o alcalde, foi o traslado da Oficina de Turismo á Praza da Chousa durante a festa, o que permitiu atender directamente a máis de 2.500 persoas, especialmente durante as xornadas do xoves e venres.

O 92,1% dos visitantes usuarios do stand da Festa do Mar foron de orixe nacional, principalmente de Andalucía, Madrid, Galicia, Castela e León e Euskadi, e como dato destacable engaden que houbo visitantes de todas as comunidades autónomas.

Subliñan tamén o incremento de visitantes estranxeiros que fixeron uso da Oficina de Turismo respecto a edicións anteriores, tanto en número como en proporción: case o 8%, dous puntos máis que o ano pasado e o dobre que en 2023. As súas orixes foron, principalmente, Portugal seguido de Reino Unido, Arxentina, EEUU ou Francia. En total, pasaron pola oficina visitantes de 21 nacionalidades.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio