Concello e Acción Contra el Hambre prepararon a 31 persoas en 2025, das que o 75% continúan traballando de forma continuada nos sectores nos que se formaron.
Esta semana comezou na Casa Rosada o curso “Persoal polivalente de supermercado”, organizado polo Concello de Poio e a fundación Acción Contra el Hambre. Unha formación que completou as quince prazas dispoñibles e, como sinalou o alcalde, Ángel Moldes, supón unha verdadeira oportunidade para formarse de xeito totalmente gratuíto nunha profesión con alta empregabilidade e demanda laboral.
O curso desenvolverase ata o 23 de abril en horario de mañá e inclúe clases teóricas e prácticas profesionais, organizadas segundo a dispoñibilidade do alumnado e das necesidades das empresas colaboradoras.
Segundo explicaron na inauguración, trátase dunha formación moi completa que inclúe contidos de comunicación e atención ao cliente, operativa de caixa e medios de pago, vendas, xestión de stock e organización do punto de venda, así como seguridade e hixiene, xestión de pedidos online e manipulación de alimentos.
Esta formación completa a oferta de cursos que se están desenvolvendo desde o Concello de Poio, dirixidos de xeito especial para persoas en situación de desemprego e que, anuncian, seguirán organizándose ao longo do ano con propostas novas.
En 2025 o Concello de Poio e Acción Contra el Hambre formaron a 31 persoas nos cursos “Atención ao cliente en comercio supermercado” e “Limpeza hospitalaria e de edificios”, das que o 75% do alumnado manteñen emprego con continuidade nos sectores nos que se formaron.
“Estas cifras poñen de manifesto a importancia destes cursos e as oportunidades reais que supoñen para a nosa veciñanza, e por iso desde o Concello seguiremos apostando este tipo de iniciativas”, engadiu Moldes.