Alta participación en PoioMostra, que afianza o seu papel como escaparate do comercio local

14/04/2026

Preto de 8.000 visitantes superan as expectativas dos comerciantes, que amosan a súa satisfacción polo desenvolvemento da feira multisectorial.

Preto de 8.000 persoas visitaron esta fin de semana PoioMostra, a feira multisectorial e de vehículos de ocasión organizada polo Concello de Poio coa colaboración de EnPoio, a asociación local de empresarios.

Unha elevada cifra de asistencia que, segundo sinala o alcalde, Ángel Moldes, permite afianzar este evento, que celebra a súa terceira edición, “como un auténtico escaparate do comercio local e como unha iniciativa cun importante impacto económico no municipio”. Ademais, destaca que fóra da tempada de maior afluencia turística, PoioMostra conseguiu consolidarse en apenas tres anos como unha cita de referencia na comarca.

“Este tipo de iniciativas contribúen a dinamizar a economía local e a encher de vida as rúas do noso municipio”. Neste sentido, incide en que apostar polo comercio de proximidade “é investir no futuro de Poio, no seu desenvolvemento económico e na creación de emprego”.

Os preto de 40 comercios e concesionarios participantes amosaron a súa satisfacción polo desenvolvemento da feira, que superou todas as expectativas iniciais. De feito, rexistrouse preto dun 40 % máis de público con respecto á edición anterior, o que confirma a tendencia ascendente deste evento.

Os momentos de maior afluencia concentráronse o sábado e o domingo entre as 17.00 e as 20.30 horas. Con todo, a diferenza doutras edicións nas que había franxas horarias de menor actividade, nesta ocasión a asistencia foi constante ao longo de toda a fin de semana. Así, tanto o venres como o domingo pola mañá, tradicionalmente máis frouxos, acadaron tamén un notable volume de visitantes.

Esta boa acollida estase traducindo xa nun forte interese por parte dos expositores en repetir na vindeira edición. Ademais, a asociación de comerciantes recibiu novas solicitudes de empresas interesadas en participar o próximo ano, o que reforza o potencial de crecemento da feira.

PoioMostra consolídase así como unha cita imprescindible no calendario feiral da comarca e como unha oportunidade clave para que o comercio local de Poio amose o seu potencial e a variedade e calidade dos seus produtos e servizos.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio