Poio, sede do Campionato de España SUB-10 de fútbol sala

14/04/2026

O pavillón da Seca acollerá os partidos das categorías masculinas e femininas de mércores a domingo.

O Concello de Poio será, xunto Sanxenxo e Meaño, sede do Campionato de España da categoría Sub10 masculina e feminina. Son preto de 400 xogadores e xogadoras, de 24 seleccións participantes, que van a competir desde o mércores ata o domingo desta semana nos pavillóns da Seca, e de Baltar e Vilalonga en Sanxenxo, e o de Dena en Meaño.

O alcalde, Ángel Moldes, e o concelleiro de Deportes, Cándido Muíños, participaron esta mañá na presentación do campionato. Pablo Prieto, presidente da Comisión Xestora da Real Federación Galega de Fútbol, trasladou o agradecemento aos tres concellos «que fan posible que poidamos organizar este campionato de España que traerá ás tres localidades un importante número de visitantes». Precisamente destacou o impacto turístico que conleva un evento destas características que motiva «un movemento moi considerable de familiares que acompañan aos xa case 400 deportistas desprazados». Prieto tamén tivo palabras de agradecemento para os clubs locais que prestan a súa colaboración en tarefas organizativas, o Poio Pescamar e o Saraiba do Mar.

A competición divídese en dúas fases, unha liguilla inicial de grupos que se desenvolve de mércores a venres e unha fase final por eliminatorias que se disputará entre o sábado e o domingo. Toda a información da conformación de grupos e do calendario pode consultarse nos seguintes enlaces:

DOSSIER MASCULINO

DOSSIER FEMININO

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio