Poio mellorará o firme do camiño do Cemiterio e travesía Poio de Arriba a través do plan +Provincia

27/03/2024

Ángel Moldes sinala que o Goberno aposta este ano por priorizar no plan provincial investimentos que permitan solucionar problemas e dar resposta a necesidades que se acumulan en todo o municipio desde hai tempo.

O Concello de Poio destinará 68.949,88 euros do plan +Provincia da Deputación de Pontevedra para mellorar o firme no camiño do Cemiterio e travesía Poio de Arriba, no lugar de Encoirados. Unha rehabilitación urxente e prioritaria, segundo indica o alcalde, Ángel Moldes, tendo en conta o importante estado de deterioro do asfalto que acumula este vía municipal desde hai anos e que supón un perigo para o tránsito de vehículos.

O proxecto contempla a demolición do pavimento actual e adaptar a rasante ó paquete de firme que pretende acadarse, o que permitirá mellorar a seguridade e integrar a zona e poñer en valor toda a contorna. Neste senso, explican que esta vía municipal, que transcorre de xeito paralelo á PO-308, dá moito servizo a toda a zona de San Salvador e, polo tanto, hai un tránsito elevado de vehículos.

Moldes explica que o Goberno aposta este ano por priorizar no plan provincial investimentos que permitan solucionar problemas e dar resposta a necesidades que se acumulan en todo o municipio desde hai tempo, actuacións que, aínda que parezan pequenas, ofrecen un servizo moi importante á cidadanía e, sobre todo, aos residentes desas zonas.

Ademais deste proxecto, recordan que a través do plan +Provincia tamén se incluirán 37.501,20 euros para instalar o alumeado público na rúa do Adro e Travesía Porteliña, en San Salvador, unha actuación que dará tamén resposta a unha petición da veciñanza e permitirá completar a humanización destas rúas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio