Poio levará a Pleno a solicitude de declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para a Ameixa de Campelo

18/01/2024

O goberno de Poio levará este mes a Pleno a solicitude de declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para a Festa da Ameixa de Campelo, que celebrou en setembro a súa trixésimo quinta edición. A proposta someterase a votación o martes 30 e supón o último requisito antes de remitir o expediente á Xunta de Galicia para a súa valoración.

Foi o principal asunto da reunión mantida en Santiago entre a concelleira de Turismo de Poio e o Director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, na que Cochón trasladoulle ao responsable autonómico un diagnóstico da situación do sector turístico de Poio, así como distintas iniciativas e proxectos nos que esperan contar co apoio da Xunta.

En relación á Ameixa, Cochón subliñou que nos últimos meses, o seu departamento vén realizando unha intensa labor de investigación,  realizaron unha intensa labor de investigación e documentación para redactar a memoria que debe acompañar á solicitude que se someterá este mes a Pleno. A edil quixo agradecer o gran traballo da técnica e do persoal da concellería “para xustificar e documentar o que os veciños de Poio xa sabemos, que a Ameixa de Campelo, a xente do mar e todo o tecido social que a fan posible, merecen este recoñecemento”.

Cochón destacou que a Festa cumpre con todos os requisitos que esixe a Lei, en canto á antigüidade, singularidade, continuidade no tempo, arraigo e valor cultural, así como outros criterios, amplamente documentados na memoria: “Como non imos estar orgullosos dunha festa que desde 1988, cando se creou por iniciativa dos veciños e da xente do mar de Campelo, ofrece o mellor de nós?”, explicou Cochón, que resaltou a importancia da festa en termos turísticos, pero tamén como proxección do espírito mariñeiro de Poio. 

Así, quixo poñer en valor a implicación das confrarías, as agrupacións de mariscadoras, as empresas locais e a todos os colectivos que fixeron posible que esta celebración estea en camiño de ser a primeira Festa de Interese Turístico de Galicia do municipio.

AGRADECE A “SINTONÍA TOTAL” DE TURISMO DE GALICIA COAS NECESIDADES DO SECTOR E AS INICIATIVAS TURÍSTICAS DE POIO

Cochón quixo agradecer a disposición do máximo responsable da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o seu coñecemento das particularidades do sector en Poio. Así, durante a reunión, que se celebrou nas instalacións de Turgalicia en Santiago, abordáronse outros asuntos como a constitución da Mesa de Turismo, na que a administración autonómica contará cun representante; información sobre as distintas liñas de axuda para os recursos turísticos e as empresas e autónomos de Poio; o apoio da Xunta para o mantemento e a promoción dos recursos turísticos do municipio; así como outras iniciativas do novo Goberno local para a desestacionalización, a internacionalización e a mellora do destino.

Tras a reunión Cochón celebrou a “sintonía total” da administración autonómica cos proxectos e iniciativas presentadas polo Concello así como as necesidades do sector turístico de Poio: “Temos moito traballo por diante para construír o mellor futuro para o noso turismo e estamos moi contentos de poder contar coa Xunta para conseguilo”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio