Poio homenaxea polo 8M a cinco veciñas “que coa vosa xesta contribuístes a que a nosa sociedade avance en positivo”

09/03/2024

“Mulleres que fan Poio” destacou a traxectoria de Rosalía Outón, de Raxó; Elena Padín, de Samieira; Marina Buceta, de Combarro; Milagros Pérez, de San Xoán, e Peregrina Nores, de San Salvador.

O Concello de Poio homenaxeou esta tarde a Rosalía Outón, de Raxó; Elena Padín, de Samieira; Marina Buceta, de Combarro; Milagros Pérez, de San Xoán, e Peregrina Nores, de San Salvador, cinco mulleres que son “orgullo e exemplo”, en palabras do alcalde, Ángel Moldes, que subliñou que “cada unha ao seu modo, coas súas vivenzas, coas súas experiencias e loitas, contribuíron a facer Poio e, polo tanto, nos sentimos profundamente orgullosos delas. Mulleres inspiradoras, que en época de dificultades, sempre conseguistes saír adiante. Mulleres triunfadoras, que coa vosa xesta contribuístes a que a nosa sociedade avance en positivo”.

Foi durante o acto central “Mulleres que fan Poio”, organizado para conmemorar o Día Internacional da Muller e que contou coa asistencia da deputada provincial María Ramallo, da concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, outros membros da corporación, familiares e representantes dos colectivos feministas locais, entre outros.

Durante o acto proxectouse o documental, elaborado polo xornalista Quique Morales, que recolle as testemuñas e pedazos das historias de vida das protagonistas. “Historias de superación, de mulleres empoderadas. Historias que nos producen emoción, tenrura, pero sobre todo orgullo… Porque sen vós case sabelo, despexastes moitos camiños e sodes precursoras do que hoxe temos”, subliñou Moldes. Ademais, tivo palabras para Peregrina, “que non coñeceu barreiras nin límites”; para Elena e Marina, “pertencentes a toda esa xeración que atoparon no marisqueo unha independencia e liberdade económica”; Milagros, “cuxa valentía e perseveranza permitiu sacar adiante unha empresa cun grande impacto socioeconómico para o noso concello”; ou Rosalía, “unha das nosas veciñas centenarias, que comezou a traballar aos catorce anos e, desde ese momento, ocupouse de practicamente todo”.

Por último, fixo un chamamento a “reflexionar, defender e promover a igualdade os 365 días do ano. Neste traballo debemos estar todos, mulleres e homes, de xeito conxunto e sen fisuras. A igualdade non exclúe a ninguén, ao contrario, nos involucra a todos e nos permite avanzar como sociedade”.

Nesta liña tamén se pronunciou a concelleira, Natividad Torres, que sinalou que “Poio non pode entenderse sen igualdade” e por iso, engadiu, hoxe reivindicamos a igualdade coa esperanza de que un día serán máis os logros que as fallas, pero mentres tanto, a nosa obriga é seguir esixindo igualdade real e efectiva en todos os ámbitos da nosa vida”.

CINCO HOMENAXEADAS, CINCO HISTORIAS DE VIDA

Peregrina Nores Fernández pertence a unha familia “con mulleres empoderadas”, na que xa a súa nai levaba a economía da casa. “E, quizais por iso, eu tamén a levaba despois na miña”. Combinou os seus estudos cos traballos nos negocios dos seus pais: xa con 12 anos comezou a axudar na churrería e con 14, no ultramarinos familiar. Casou moza, con 16 anos, e doce meses despois nacía o primeiro dos tres fillos que ten. Ela quería ser mestra, pero finalmente foi vendedora porta a porta, traballou como limpadora… ata que en 2004, esta muller que non coñece barreiras aprobou as oposicións de celadora. E desde entón, aí garda os seus mellores recordos laborais e tamén os máis duros, nos anos da pandemia.

Hai 35 anos, con 19, comezou a ir á marea Elena Padín Gomez. Antes xa traballara como limpadora, coidando nenos… Quería ser mestra ou camioneira, pero recoñece que “aínda que é un traballo duro, gústame”. Tamén casou moza, con 18 anos, e en canto tivo a oportunidade sacou o carné de conducir. “Sempre me gustou conducir, pero si había moito machismo que cuestionaba para que queríamos o carné. Tiñamos que estar dando explicacións continuamente”.

Milagros Olga Pérez Santos, fundou xunto co seu marido a fábrica de conservas Pescamar e, tras enviuvar, puxo por diante o futuro dos traballadores e decidiu seguir adiante e non pechar. “Aprendín algo moi importante. Todos somos necesarios, pero ninguén imprescindible. Esto seguiu adiante”. A punto de cumprir os 88 anos, percorreu os traballos que se fixeron na fábrica. Hoxe continúa acudindo diariamente á oficina para saber o que pasa. “Á muller non se lle recoñece todo o que se debe. Iso aínda está por vir. Hai moitos homes que se consideran superiores, e iso non é verdade. Só ocorre que non deixaron ás mulleres subir”.

Marina Buceta Alonso é mariscadora en Combarro, “traballar ao aire libre é terapia, ademais da liberdade de ter un soldo e poder comparar as túas cousas sen depender de ninguén. Iso vale moito”. Así, recorda que “hai moitas mulleres que grazas ao marisqueo saíron de sitios moi malos”. Creceu nunha familia con moitos homes, “aínda que na casa eu non notaba diferencias cos meus irmáns, fóra da casa si que as apreciaba”. Presidenta das mariscadoras, traballou coas súas compañeiras para defender os seus dereitos e dar visibilidade ao seu traballo.

Por último, Rosalía Outón Vázquez, veciña centenaria que xa suma 101 anos, e non por ter levado unha boa vida, porque traballou moito e desde moi moza. Con 14 anos xa comezou na fábrica e, cando casou, o seu marido embarcou e ela ocupouse “de case todo”: dos coidados dos seus fillos, da casa, das terras… “non valeu nada porque eran traballos na casa”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio