O alcalde pon en valor o traballo conxunto realizado entre Concello, Xunta e centro, sinalando que a suma de esforzos e o aproveitamento responsable dos recursos permitiron crear “un novo espazo verde para o desfrute dos nenos e nenas”.
O alumnado do CEIP Chancelas viviu esta mañá unha xornada moi especial coa presentación do seu novo patio sostible, unha actuación desenvolvida grazas á colaboración entre o Concello de Poio, a Xunta de Galicia e o propio centro, e que tivo como grandes protagonistas aos nenos e nenas do centro.
O acto contou coa presenza do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, e do alcalde de Poio, Ángel Moldes, que quixeron acompañar ao alumnado e profesorado nunha iniciativa que representa un modelo de cooperación institucional e compromiso coa sustentabilidade.
O novo espazo foi creado a partir do aproveitamento de recursos xa existentes, reutilizando o céspede procedente das Aldeas de Nadal de Poio e a terra resultante das obras da pista de Vilariño, converténdoos nunha nova zona verde para o desfrute da rapazada. O centro ocupouse do mobiliario de xogo e a Xunta colaborou co sistema de riego.
Durante a súa intervención, o alcalde destacou que “hoxe non presentamos unicamente a inauguración dun patio, senón o resultado dunha forma de traballar e de entender a educación”. Moldes lembrou que o proxecto naceu dunha pequena actuación de reparación do pavimento solicitada polo centro e que, co paso do tempo, “acabou converténdose nunha transformación integral que hoxe culmina cun patio completamente sostible e adaptado ás necesidades do alumnado”.
O rexedor puxo en valor o traballo conxunto realizado, sinalando que a suma de esforzos e o aproveitamento responsable dos recursos permitiron crear “un novo espazo verde para o desfrute dos nenos e nenas”.
Coincidindo coa celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, o alcalde incidiu no valor educativo da actuación e no compromiso do centro coa sustentabilidade. “Quero destacar especialmente a implicación do equipo directivo e do profesorado, que levan anos impulsando un modelo educativo comprometido coa sustentabilidade, a responsabilidade medioambiental e a innovación pedagóxica. Este patio é o reflexo dese traballo”, afirmou.
O alcalde lembrou ademais a importancia dos patios escolares como espazos fundamentais para o desenvolvemento dos nenos e nenas. “Non son só lugares de recreo, senón espazos educativos onde aprenden a convivir, compartir, relacionarse e medrar”, sinalou.
A xornada concluíu con moito xogo nas novas instalacións, nas que o alumnado foi o auténtico protagonista.
“En nome do Concello de Poio, quero agradecer ao CEIP Chancelas, á Xunta de Galicia e a todas as persoas que fixeron posible esta actuación. Contamos agora cun espazo que é de todos e todas e que entre todos debemos coidar e conservar”, concluíu o alcalde.
