Este luns ábrese o prazo para participar nesta actividade, que terá un prezo de 25 euros e inclúe o transporte e a entrada.
O Concello de Poio continúa impulsando actividades destinadas ao lecer familiar coa organización dunha excursión ao Parque Temático de Amarante (Portugal), que terá lugar o vindeiro domingo 5 de xullo de 2026.
Esta iniciativa enmárcase dentro da programación familiar que o Goberno local desenvolve ao longo de todo o ano, co obxectivo de ofrecer alternativas de ocio saudable, fomentar a participación cidadá e crear espazos de encontro e relación entre os veciños e veciñas do municipio.
A excursión ten un prezo de 25 euros por persoa, importe que inclúe tanto o transporte como a entrada ao parque acuático. Os menores de idade deberán asistir acompañados por unha persoa adulta que se responsabilice deles durante toda a actividade.
Desde o Concello, o alcalde Ángel Moldes, que presentou a actividade xunto ás concelleiras de Xuventude e de Benestar e Igualdade, Tamara González e Natividad Torres, destaca a importancia deste tipo de propostas, que contribúen a reforzar os vínculos entre as familias de Poio e favorecen a convivencia nun ambiente lúdico e participativo. Ademais, estas actividades permiten que persoas de diferentes idades compartan experiencias e disfruten xuntas do tempo de lecer.
O prazo para presentar as solicitudes abrirase este luns, 8 de xuño, ás 9.00 horas e permanecerá aberto ata o 19 de xuño de 2026 ou ata cubrir as prazas dispoñibles. As inscricións deberán realizarse a través da páxina web municipal e terá prioridade a veciñanza de Poio.
O Goberno local anima á cidadanía a participar nesta xornada familiar, que permitirá desfrutar dun día diferente nun dos parques acuáticos de referencia do norte de Portugal.