Labirinto do terror, ruta do medo, espectáculo de lume e moita animación este venres no Samaín de Campelo

03/11/2026

O Concello de Poio e a veciñanza recuperan así unha celebración aprazada tras decretarse tres días de luto oficial e que se estenderá ao longo de venres e sábado. A implicación dos veciños e veciñas, que volverán transformar as rúas de Campelo con decorados e representacións terroríficas, será un dos grandes atractivos desta cita.

Campelo prepárase para somerxerse esta fin de semana no Samaín, cunha celebración que se estende ao longo do venres e do sábado con propostas para tremer do medo como o labirinto do terror, a ruta do medo polas rúas de Campelo, espectáculo de lume, animación infantil e con DJ, cine de medo, truco ou trato…

O Concello de Poio e a veciñanza retoman a celebración tras verse obrigados a aprazala ao decretarse tres días de luto oficial. Unha programación para encher Campelo de misterio, sustos, espectáculos e diversión, nunha celebración que volverá ter como grandes protagonistas aos veciños e veciñas.

A programación arrancará este venres, 6 de novembro, ás 17.00 horas, cunha gran festa infantil na carpa instalada na Praza da Granxa, que contará coa animación musical de Javi Solla, o labirinto do terror e o túnel do medl.

A partir das 20.00 horas, será a quenda do espectáculo de malabares e lume de Nemeton Performances, que dará paso a un dos momentos máis especiais da celebración: a Ruta do Medo polas rúas de Campelo. Un percorrido no que a veciñanza volverá sorprender aos participantes con decorados, escenarios, creatividades e representacións terroríficas, froito do traballo e da ilusión que levan semanas dedicando á preparación desta cita.

Na Ruta do Medo participarán tamén integrantes das comparsas As Sonecas e 100Tolos, do Grupo de Samieira e as ximnastas do Club Saraiba, contribuíndo a crear unha experiencia chea de sorpresas e emocións. A primeira xornada do Samáin rematará cun magosto popular organizado pola Asociación de Veciños de Campelo e coa actuación musical dun DJ.

A festa continuará o sábado, 7 de novembro, cunha programación especialmente pensada para o público familiar. Ás 17.00 horas, o Local Social acollerá o Cinema de Medo, unha sesión para gozar en familia que dará paso á Merendola Larpeira. A continuación, os máis pequenos poderán percorrer as rúas da localidade participando no tradicional Truco ou Trato, poñendo o broche final a dous días de celebración.

O Concello de Poio destaca a implicación dos veciños e veciñas de Campelo, así como dos colectivos locais que colaboran na organización e desenvolvemento das actividades, facendo posible que esta celebración manteña o seu carácter participativo e a súa esencia orixinal.

O alcalde, Ángel Moldes, anima a toda a veciñanza de Poio e da contorna a achegarse a Campelo durante estas dúas xornadas para gozar dunha programación que combina tradición, creatividade, espectáculo e diversión.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio