A Xunta aprobou provisionalmente o proxecto, que ascende a máis de 1,4M€ para mellorar a seguridade viaria e a mobilidade, habilitando un itinerario peonil e ciclista.
A Xunta de Galicia acaba de aprobar provisionalmente o proxecto para construír unha senda peonil ao longo dun treito de 2,5 quilómetros de lonxitude na estrada autonómica PO-308, ao seu paso polas parroquias de Combarro e Samieira.
O proxecto será sometido a información pública, e contempla executar un itinerario de uso mixto, peonil e ciclista, mellorando así a seguridade viaria e a mobilidade nunha estrada que soporta un importante volume de tráfico, tanto de medio percorrido como local, cunha intensidade media de 15.000 vehículos ao día.
A senda deseñouse cun largo total de 2,02 metros, que puntualmente se amplía ou reduce para adaptala á realidade física da contorna (presencia de edificacións, peches, accesos, etc.) e se executará en pavimento en coloreados en ton terroso. Tamén se inclúen as correspondentes obras de drenaxe, repintado de marcas viarias, sinalización vertical, así como a disposición das canalizacións necesarias para a iluminación, prisma de telecomunicacións ou instalación de bancas en distintas zonas, entre outros traballos.
Ademais, a senda estará limitada xunto á estrada por un bordo prefabricado de formigón, de 22x15cm, elevado 10 cm sobre a calzada.
A implantación da senda ten en conta os condicionantes da elevada densidade de edificacións e peches cimentados directamente sobre afloramentos rochosos e a topografía de acusada pendente cara ao mar. Ante estes condicionantes xeométricos, optouse polo estreitameno da beiravía como solución técnica e modificouse lixeiramente en planta o trazado da estrada PO-308 ao longo de diferentes treitos dela.
Para garantir a continuidade do itinerario peonil, proxéctanse dous novos pasos de peóns, nos puntos 6+250 e 8+160, dotados de pavimento podotáctil e sinalización adecuada á normativa vixente de accesibilidade e sinalización horizontal e vertical.
O trazado da senda coordinarase coa dotación de bandas de aparcamento en liña, tanto para vehículos lixeiros como para autobuses, que eviten que os vehículos aparquen invadindo o percorrido peonil.
NA proposta mantéñense as paradas de autobús actuais, habilitando, sempre que o espacio o permita, apartadoiros para que a carga e descarga de viaxeiros non interrompa o tráfico.
As paradas deseñaranse con abucinamentos nas estradas e saídas para favorecer as manobras do autobús e co pavimento podotáctil e sinalización vertical correspondente á normativa de accesibilidade vixente. Como actuacións complementarias á execución da senda levaranse a cabo actuacións como a reordenación do estacionamento para autobuses existente no quilómetro 6+650.
Na zona das escaleiras de baixada á praia, co fin de garantir a continuidade do itinerario accesible, proxéctase unh apasarela elevada sobre estras que asegurará a total operatividade e funcionalidade actual da escalinata.
No punto quilométrico 7+410 proxéctase un tramo de plataforma compartida con acceso vehicular, que dá continuidade á senda bordeando paralelamente á PO-308 a obra de drenaxe transversal existente ata conectar coa beirarrúa, garantindo a seguridade ao evitar a circulación pola beiravía.
Unha vez resolta a información pública, aprobarase definitivamente o proxecto de construción, co obxectivo de licitar, adxudicar e iniciar as obras no segundo semestre de 2027. O prazo de execución das obras é de 18 meses.
As actuacións recollidas nesta nova actuación da Xunta financiaranse con cargo a fondos Feder 21/27.