TapeaPoio 2026 rexistrou preto de 7.000 tapas vendidas, un 30% máis que na edición anterior. O Concello celebrou esta mañá o sorteo dos máis de 60 premios destinados ao público participante, que se entregarán xunto cos galardóns aos establecementos na III Gala da Hostalería de Poio, o luns 8 de xuño no Pazo de Colón.
A terceira edición de TapeaPoio, o certame gastronómico organizado polo Concello de Poio, rexistrou un balance moi positivo ao acadar preto de 7.000 tapas vendidas, o que supón un incremento do 30% con respecto ao ano 2025. Uns datos que confirman a consolidación desta iniciativa como unha das citas imprescindibles na gastronomía das Rías Baixas.
TapeaPoio 2026 volveu superar os rexistros de participación, tanto no número de establecementos adheridos e tapas presentadas a concurso como na resposta do público, un éxito que se suma ao gran nivel das tapas elaboradas e á gran satisfacción amosada polo sector hostaleiro.
Os premios ás mellores tapas creativas e tradicionais, outorgadas tanto polo xurado experto como polo público, entregaranse este luns, día 8 de xuño, durante o transcurso da III Gala da Hostalería de Poio no Pazo de Colón (20.00 horas).
No transcurso deste acto, o Concello de Poio renderá tamén unha homenaxe especial a Amelia González, cofundadora de Casa Solla e figura pioneira da gastronomía de Poio e de Galicia, coa entrega do I Delantal de Honra. Trátase dunha distinción que se concede por vez primeira e que cada ano recoñecerá a traxectoria e contribución de profesionais destacados do sector hostaleiro.
Xunto ao seu marido, Pepe Solla, Amelia González converteu un pequeno merendero familiar nun establecemento de referencia que marcou un fito na hostalaría galega ao se converter no primeiro restaurante de Galicia distinguido cunha Estrela Michelín.
A gala servirá ademais para entregar os máis de 60 premios que se sortearon esta mañá na Casa do Concello entre o público participante que degustou e valorou as tapas presentadas a esta edición do TapeaPoio.
Estes premios inclúen menús degustación nos restaurantes Pepe Vieira e Casa Solla e outros, cestas de produtos de Supermercados Froiz e Conservas Pescamar, pasaxes á illa de Tambo, bonos de estancia en aloxamentos do municipio, vales para establecementos do municipio, actividades turísticas e máis, achegados xenerosamente por empresas de todo o Concello. O conxunto dos premios, incluídos os destinados aos restauradores, están valorados en máis de 10.000 euros.