POIO HOMENAXEA A CINCO VECIÑAS POR SEREN “REFERENTES E HEROÍNAS DURANTE OS 365 DÍAS DO ANO”

12/01/2024

2023.

O Palacete de Besada congregou na tarde-noite deste pasado venres a un gran número de persoas, entre as que figuraban personalidades políticas, familiares, amizades e veciñanza en xeral que non quixeron perdese a máis ca merecida homenaxe realizada a Julia Prado Iglesias (Raxó), Dolores Balboa Barreiro (Samieira), Laura Currás Fernández (Combarro), Peregrina García Castro (San Xoán) e Rosa Rey Amoedo (San Salvador), cinco mulleres do municipio de Poio que, polo seu tesón, a súa forza e a súas respectivas traxectorias a nivel social, familiar e laboral durante moitas décadas son “heroínas durante os 365 do ano”.

Así definiu a tenente de alcalde e edil de Igualdade, Silvia Díaz (Avante Poio), ás protagonistas desta velada, no comezo do que foi o acto central da programación organizada pola Concellería e o CIM para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Un programa que, baixo o lema ‘visibles, empondeiradas, iguais’, puido recuperar neste 2023 o tradicional acto de recoñecemento a cinco veciñas elixidas polos colectivos que forman parte do Consello Municipal da Muller, por seren modelos de fortaleza e de superación para a sociedade. Este acontecemento, ademais, foi emitido en directo a través do perfil oficial de Facebook do Concello e pode volver a visualizarse na súa canle de YouTube.

Foi unha cita moi emotiva, na que participaron o alcalde, Luciano Sobral, e os membros da Corporación municipal. As autoridades políticas foron as encargadas de facer entrega a cada unha das homenaxeadas dun obsequio conmemorativo. A parte máis emotiva do acto chegou cando os integrantes de Polo Correo do Vento protagonizaron unha actuación que incluía un repaso á traxectoria vital de cada unha das homenaxeadas. Sobre as súas vidas trata, precisamente, o libro ‘Mulleres en Poio 2023’, realizado polo propio Correo do Vento e ilustrado por Tania Solla. Trátase dunha publicación subvencionada pola Deputación de Pontevedra, cunha axuda de 6.000 euros. Estas historias tamén serán dadas a coñecer en videiras datas en todos os CEIPS do municipio de Poio, a través de sesións de contacontos por parte de Polo Correo do Vento.  

Cada unha destas cinco mulleres, con idades comprendidas entre os 75 e os 84 anos, teñen unha historia digna de ser contada, difundida e visibilizada. Julia Vallejo durante moitos anos compaxinou os seus estudos na escola coas tarefas no fogar. Tamén traballou en sectores como a conserva ou o bateeiro. Pola súa banda, Laura Currás é coñecida por rexentar o Hogar del Puerto, un dos establecementos hostaleiros máis emblemáticos de Combarro. Rosa Rey, de San Salvador, exerceu de mestra de primaria durante décadas, formando a varias xeracións de nenos e nenas. É coñecida tamén pola súa paixón polo teatro e colaborada habitual da Asociación Veciñal do Vao.

Dolores, ao igual que Julia, tamén conta cunha longa experiencia traballando nas conserveiras. Ademais, chegou a ter oito ferrados, catro de viña e catro de horta, ao tempo que coidaba galiñas, porcos e unha vaca na súa Samieira natal. Todo isto sen renunciar á música, unha das súas grandes paixóns, sendo unha das pandeireteiras máis coñecidas da vila. Por último, Peregrina García Castro, ‘Chicha’, segue a día de hoxe axudando aos seus veciños e veciñas no que sexa necesario,  ao tempo que traballa na súa horta. Durante moitos anos encargouse de levar leite ás casas e a vender centeo e follato na Praza da Leña de Pontevedra.

Na súa intervención, a concelleira de Igualdade sinalou que as protagonistas do acto deste venres personifican “o noso recoñecemento a todas as mulleres de Poio, polo papel imprescindible que desenvolven na nosa sociedade. As mulleres somos a metade do mundo, pero durante moito tempo os noso logros quedaron nun segundo plano. Iso está cambiando, grazas a mulleres bravas como estas veciñas, que saíron adiante e abriron camiño pese a todos os obstáculos e límites”. Nunha liña similar expresouse Gregorio Agís, como representante da Deputación de Pontevedra, que entende que a publicación do libro ‘Mulleres en Poio 2023’ que financia a institución provincial “servirá como referente para que as súas historias de superación e de vida sexan coñecidas polas futuras xeracións”.  

O encargado de pechar o acto foi o alcalde, Luciano Sobral. “Julia, Chicha, Rosa, Dolores e Laura representan a todas as nais que nos traen ao mundo e que sempre nos coidan e que nos seguirán coidando. Elas son parte da nosa historia e axudaron a crear un municipio como o que é Poio na actualidade, no que cada vez máis xente quere vivir e no que nos atopamos moi a gusto”, concluíu o rexedor.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio