O Concello reservará unha praza nas proximidades de cada farmacia para facilitar paradas breves, de entre 10 e 20 minutos aproximadamente. O alcalde, Ángel Moldes, mantivo esta semana unha reunión de traballo cos farmacéuticos locais.
O Concello de Poio habilitará unha praza de aparcamento de duración limitada nas proximidades de cada farmacia do municipio, co obxectivo de facilitar á cidadanía o acceso a estes establecementos e favorecer a rotación dos vehículos nestes espazos.
A previsión é que o tempo de estacionamento sexa de entre 10 e 20 minutos aproximadamente, o necesario para realizar unha xestión ou recibir atención farmacéutica. Deste xeito, facilitaranse as paradas breves e evitarase que estas prazas permanezan ocupadas durante longos períodos de tempo.
Esta é unha das iniciativas consensuadas na reunión que esta semana mantivo o alcalde, Ángel Moldes, cos farmacéuticos locais. Estes encontros celébranse anualmente, coincidindo coa celebración do Día do Farmacéutico, e enmárcanse na aposta do Goberno local polo diálogo e a colaboración permanente cun servizo sanitario fundamental, tanto polo labor asistencial que desenvolve como pola atención próxima que presta á cidadanía.
“Todos estamos de acordo en que resulta fundamental ofrecer unha atención próxima e de calidade á veciñanza, polo que é importante traballar xuntos e de xeito coordinado”, destaca o alcalde.
As novas prazas estarán situadas nas proximidades das farmacias e destinadas ás persoas que necesiten acudir a estes establecementos, permitindo estacionar durante o tempo imprescindible para ser atendidas. A limitación temporal permitirá incrementar a rotación e facilitar que un maior número de persoas poida dispoñer destes espazos ao longo do día.
A medida pretende resultar especialmente útil para as persoas con dificultades de mobilidade, as familias ou aquelas que teñen ao seu cargo persoas dependentes, así como para calquera veciño que precise acceder á farmacia de maneira áxil.
Unha vez consensuada a iniciativa cos profesionais farmacéuticos, o Concello de Poio iniciará agora os trámites técnicos e administrativos necesarios para reservar e sinalizar os espazos nas proximidades de cada farmacia.