POIO DÁ AUTORIZACIÓN Á DEPUTACIÓN PARA REHABILITAR A CASA SAN ROQUE 59, EN COMBARRO

12/01/2024

2023.

A comisión de seguimento do Plan Especial de Combarro e do Catálogo deu luz verde esta mañá, por unanimidade, ao proxecto de rehabilitación da casa San Roque, 59, en Combarro, que vai acometer a Deputación de Pontevedra. Unhas obras de mellora que ascenden a 136.414 euros e que permitirán deixar o inmoble en perfectas condicións de habitabilidade antes de que o Concello de Poio reciba a súa cesión.

Esta autorización sectorial é indispensable para que a institución provincial obteña a licencia e poida comezar a executar as obras para acondicionar a casa, que consisten en mellorar o illamento, revisar a estrutura de madeira que soporta a cuberta e substituír aqueles elementos que a constitúen e se atopan en mal estado; limpeza da fachada de pedra de xeito manual, empregando cepillos vexetais suaves e xabón neutro; substitución das contras e das carpinterías exteriores de madeira, así como novo revestimento de madeira nos soportais exteriores. Tamén inclúen implantar un sistema de climatización mediante bomba de calor de alta eficiencia, novas luminarias LED e renovación da instalación eléctrica; remodelación do aseo no andar baixo e nova instalación de fontanería e saneamento.

Segundo explica o edil de Deportes, Persoal e Patrimonio, Cándido Muíños, “esta é unha grande oportunidade para poñer en valor e recuperar unha casa que forma parte da historia e da identidade de Combarro, un inmoble que albergou a antiga biblioteca e que para a veciñanza é un símbolo cun alto valor cultural e patrimonial”.
O edificio, que se construíu no século XVIII, está incluído no catálogo de edificios protexidos municipais. Dispón de dúas plantas comunicadas entre si por unha escaleira interior e unha exterior de pedra, cunha balustrada. Diante da casa atópase un dos seis cruceiros de Combarro.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio