Poio contratará 19 persoas desempregadas a través do plan Máis Provincia

03/02/2024

O Concello de Poio contratará dezanove persoas en situación de desemprego a través do plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra. Unhas incorporacións que, segundo sinala o alcalde, Ángel Moldes, permitirán reforzar diferentes departamentos e servizos municipais que precisan máis persoal ou que realizan traballos estacionais, pero ademais, tamén se lle dará unha oportunidade laboral a veciñas e veciños que están na procura de emprego.

A través deste plan de emprego, contrataranse dous técnicos de animación turística para reforzar durante sete meses as tarefas de información, guía e asistencia durante sete meses.  Deberán estar en posesión do Ciclo superior en información e asistencias turísticas. 

Para revalorizar os espazos públicos e protección do medio ambiente, contrataranse nove persoas. Cinco operarios para servizos múltiples (praias e obra pública) ocuparanse de adecentar e manter espazos públicos, desenvolver tarefas de rehabilitación e desbroce de roteiros municipais, limpeza e desbroce de camiños e sendeiros e limpeza e mantemento de praias. A maiores, incorporaranse dous condutores e dous electricistas, nos catro casos deberán ser oficiais de primeira. A duración destes contratos oscilarán entre os tres e os dez meses.

Tamén se reforzará o persoal de limpeza con catro contratos e de conserxes con dúas persoas para mellorar o funcionamento e reforzar a limpeza dos centros de traballo e instalacións deportivas municipais. A duración destes contratos será de dez meses.

Por último, para apoiar aos servizos sociais incorporarase unha auxiliar de clínica durante tres meses  e un traballador social cun contrato de sete meses. Este departamento desenvolve unha importante labor polo gran número de usuarios que se benefician dos servizos sociais no noso municipio e estes perfís reforzarían a atención e o apoio que se presta.

As persoas candidatas deberán estar en situación de desemprego e inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes nas categorías profesionais que se solicitan. O SEPE será o encargado de facer a preselección dos aspirantes que, posteriormente, superarán unha proba escrita no caso das prazas de turismo, traballador social e auxiliar de clínica e práctica, para o resto de postos.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio