POIO APOSTA POLO TURISMO DEPORTIVO PARA AVANZAR NA DESESTACIONALIZACIÓN E A FIDELIZACIÓN

14/01/2024

2023.

A concelleira de Turismo, Rocío Cochón, e o concelleiro de Deportes, Tucho Muíños, reuníronse este luns co tecido deportivo local para designar os representantes  deste sector na Mesa de Turismo, que serán, de forma rotatoria como vogais titular e suplente, o Balonmán Poio Artai e o Club Piragüismo Poio.

Durante a reunión, Cochón recordou que o deporte “ten moito que dicir” neste novo órgano sectorial, e destacou a importancia de incorporar a actividade deportiva na estratexia turística para configurar un destino imbatible: “Cos nosos clubs, deportistas e eventos como tarxeta de presentación, sempre gaña Poio”.

Subliñou a capacidade deste tipo de turismo para avanzar na desestacionalización e a fidelización, ao mesmo tempo que se impulsan prácticas saudables e sustentables, e recalcou que Poio “temos todo para ser un referente neste turismo, cun entorno inmellorable para a práctica deportiva, con monte e mar, bosque e praia e entornos urbanos e rurais nun mesmo espazo”, ao que se une un tecido deportivo “de moito nivel e co máximo potencial”. Por iso, adiantou que o Goberno local “tamén o porá todo da súa parte para apoialos, con investimentos e xestión que permitan aproveitar ao máximo todas as posibilidades”.

O concelleiro de Deportes, Tucho Muíños, incidiu no papel do deporte de base para fomentar modos de vida saudables e unha formación integral para nenos e nenas, destacando os máis de 700 usuarios e usuarias das Escolas Deportivas municipais en 15 modalidades deportivas. Esa estrutura de moi alto nivel de entidades, clubs, adestradores, pais e usuarios representa unha riqueza para o deporte de Poio pero tamén ten un enorme potencial de cara á actividade turística.

Nese sentido, trasladou aos asistentes información sobre o Bono Deporte de 120 € posto en marcha pola Xunta de Galicia do que se poderán beneficiar todas as familias de Poio con nenos e nenas en idade escolar federados ou inscritos no programa Xogade. Este bono axudará ás familias a sufragar o 80% das compras de material deportivo ou do custe de asistencia a certas actividades, e estará dispoñible para a súa descarga a partir do 8 de xaneiro en bonodeporte.gal.

Muíños valorou esta iniciativa do Goberno galego, dotada de máis de 16 millóns de euros, que cumpre múltiples obxectivos: fomentar o deporte de base, impulsar o comercio e apoiar ás familias fronte aos gastos que representan as actividades deportivas dos seus fillos e fillas.

A Mesa de Turismo creouse no pleno municipal de novembro como un órgano consultivo experto que reunirá a representantes de todos os ámbitos da actividade turística para estudar e afrontar xuntos os desafíos do sector. Presidida polo alcalde, incluirá alomenos 25 vogais en representación de empresas, administracións, colectivos, veciñanza e todos os axentes relacionados coa actividade turística.

Actualmente estanse a celebrar as asembleas previstas no regulamento para concretar a participación de sectores sen estrutura asociativa propia. Despois das reunións coas Comunidades de Montes e co tecido deportivo, está prevista unha xuntanza para designar ás persoas representantes das asociacións culturais do municipio.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio