Poio ampliará o seu parque móbil para mellorar a eficacia na conservación, reparación e limpeza dos espazos públicos

14/03/2024

Incorporará tres maquinarias con cargo ao plan +Provincia: equipo para lavado a presión con depósito, unha cisterna de pavimentación en quente e cazo para recollida de algas.

O Concello de Poio ampliará o seu parque móbil a través da liña 1 do plan +Provincia, e incorporará sendos equipos de lavado a presión con depósito e de pavimentación en quente, así como un cazo para recoller as algas da praia. Uns equipamentos que permitirán mellorar a eficacia na conservación, reparación e limpeza dos espazos públicos.

Para adquirir esta maquinaria para obras e servizos destinaranse 43.681 euros. En canto ao equipo de pavimentación en quente, permitirá substituír a cisterna antiga por unha maquinaria máis eficiente e moderna que se destinará a bacheado e aglomerado. Consistirá nunha cisterna para emulsión asfáltica dotada de queimador de gas e dunha prancha vibrante compactadora reversible. Todo elo montado sobre remolque homologado para circulación por vía pública e totalmente pechado.

Con respecto ao novo equipo de limpeza, inclúe unha bomba de alta presión accionada por un motor de gasolina de catro tempos e dotado con depósito de auga, mangueira e lanza e prato lavapavimentos. Todo elo montado sobre remolque homologado para circulación por vía pública e totalmente pechado. Unha maquinaria que permitirá intensificar, reforzar e dar un salto cualitativo na limpeza viaria.

E, por último, o cazo para recollida de algas acoplarase á pala, especialmente adecuado para a limpeza de algas o que permitirá, deste xeito, mellorar o acondicionamento das praias do municipio.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio